O interese mediático polo II Foro da Industria Galega do Audiovisual medra máis dun 50%

mércores, 20 de novembro do 2024 S. P.

O II Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), sobre lingua e audiovisual, rematou cun balance moi positivo en canto á repercusión nos medios, cun incremento de impactos dun 54% con respecto á edición anterior en medios de comunicación impresos, dixitais e as radios. Así o fixo saber a organización do encontro (Academia Galega do Audiovisual) facendo balance do mesmo, engadindo que FIGA obtivo unha valoración de máis de 95.000 € cunha audiencia aproximada de máis de dous millóns de usuarios.
Poñendo o foco na lingua, o programa abriu a porta ao diálogo en eidos como: a programación en plataformas, o deseño de contidos, a promoción e fomento do uso das linguas minorizadas no audiovisual, a dirección, o guión, a actuación, o subtitulado ou a tradución. As xornadas de FIGA estruturáronse en doce sesións temáticas durante tres días. As propostas incluíron o debate e as conferencias e fomentaron enormemente a participación dos asistentes, tanto nas roldas que pechaban cada mesa, coma no espazo reservado para as pausas.
A lingua tamén centrou as preocupacións da Mesa do Audiovisual Galego, integrada polas principais asociacións do sector, que emitiu o comunicado Comprometidos cun audiovisual na nosa lingua no que, entre outras cuestións, reivindícase que “o medio audiovisual é unha ferramenta fundamental para a difusión do idioma entre a sociedade”.
No transcurso do FIGA tratáronse de maneira transversal diferentes asuntos nos que destacou, por exemplo, a intención das canles públicas de Cataluña, Euskadi e Galicia de que “se cumpra o dereito da cidadanía a acceder a contidos en éuscaro, galego e catalán, especialmente nas franxas de menor idade”.
No eido da tradución e a interpretación, os relatores invitados concluíron que “a tradución é importante para poder ter acceso a contidos audiovisuais en linguas minorizadas” e, no caso das nosas producións, posibilita chegar máis lonxe. Ademais, sinalaron que “as obras españolas subtituladas ao inglés superan á suma do galego, catalán e éuscaro”. Resaltaron casos de éxito como Handia, Pa Negre, O que arde ou O derradeiro artefacto socialista, unha serie incluída nas principais listas de éxitos rodada en croata.
Por segundo ano FIGA recolleu os temas que inquedan ao sector e compoñen a súa actualidade máis inmediata. No 2023 versou sobre a Intelixencia Artificial e este novembro puxo o foco na situación da nosa lingua.
O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, que contou nesta edición coa colaboración da Cidade das TIC e o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC.