O investigador Diego Allen-Perkins (USC) constata a forte transformación tecnolóxica da experiencia xacobea

martes, 23 de decembro do 2025 S. P.

Peregrino diante da Catedral de Santiago nunha imaxe de RTVE

Xa non se concibe o Camiño de Santiago sen a presenza activa de móbiles, redes sociais e plataformas de planificación. O que antes era desconexión, agora é todo o contrario. Así o certifica o investigador Diego Allen-Perkins, profesor axudante doutor da Facultade de Filosofía da USC, nun traballo financiado no marco da oitava convocatoria das axudas á investigación da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade compostelá, froito dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago. Conclúe que o Camiño converteuse “nun espazo intensamente mediado, no que os peregrinos e peregrinas negocian continuamente a súa relación coa tecnoloxía”.
A investigación Entre sendas e algoritmos: autenticidade dixital e peregrinacións no Camiño 2.0 (PDF) aborda esta transformación desde unha perspectiva antropolóxica e multimodal, coa análise da maneira en que se constrúe a autenticidade nun contexto onde a experiencia presencial e a mediación dixital se superpoñen e coexisten.
Cunha mestura de etnografía dixital, entrevistas semiestruturadas, análise de foros e observación participante en Santiago de Compostela, o autor identificou patróns de uso tecnolóxico, debates sobre a autenticidade, mecanismos para regular a conexión e formas de narrar a experiencia da peregrinación en espazos dixitais.
Para Allen-Perkins, os resultados “permiten formular o concepto de liminalidade conectada, que describe esta modalidade híbrida de experiencia: un tránsito no que os límites entre a presenza física, a introspección, a sociabilidade e a conexión tecnolóxica se reconfiguran continuamente”.
A esta investigación engádeselle o documento A autenticidade dixital no Camiño. Guía didáctica para peregrinos e peregrinas, un material de transferencia que a Cátedra distribuíu entre todas as asociacións xacobeas do Camiño de Santiago. A guía componse de fragmentos de conversas, notas de campo e escenas analíticas “que reconstrúen un fenómeno emerxente, o do Camiño dixital, onde as pantallas e os sendeiros se entrelazan”, explica o investigador.
O autor do traballo é membro do grupo de investigación Antropoloxía da USC. Doutor en Antropoloxía Social pola UNED e Enxeñeiro Químico pola Universidade Politécnica de Madrid, está especializado en antropoloxía dixital, estudos de algoritmos e plataformas, mediación socio técnica e metodoloxías cualitativas. A súa traxectoria combina etnografía dixital e estudo de procesos socio técnicos contemporáneos, con experiencia investigadora transnacional entre España e Ecuador e participación en proxectos competitivos nacionais e internacionais.
Nos últimos anos, Diego Allen-Perkins centra as súas investigacións na mediación dixital en contextos sociais influídos por infraestruturas algorítmicas, con publicacións indexadas sobre plataformas dixitais, ecosistemas algorítmicos e intelixencia artificial, así como capítulos en editoriais internacionais como Springer, Edward Elgar e McGraw-Hill.