O investigador Pablo Campo constata os beneficios para os nosos maiores do exercicio con realidade virtual

venres, 9 de xuño do 2023 S. P.

Facer exercicio con Realidade Virtual ten beneficios para a saúde e a calidade de vida das persoas maiores. Así o vén de demostrar o investigador Pablo Campo (UVigo) nun dos estudos que conforman a súa tese de doutoramento. Os resultados desta investigación recóllense nun artigo publicado na revista científica Journal of clinical medicine e constitúen, “ata onde chega o noso coñecemento, o primeiro estudo con Realidade virtual Inmersiva nesta poboación a nivel internacional”, recoñece o integrante do grupo HealthyFit, que forma parte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).
Segundo reflicte fontes da Universidade de Vigo, estes resultados son á súa vez unha das consecuencias do traballo que, no marco da tese de Pablo Campo, levou a cabo con 24 usuarios e usuarias do centro Saraiva Sénior, en Pontevedra, no que buscaba coñecer os beneficios físicos e cognitivos dun programa de exercicio físico baseado no uso destas tecnoloxías. Este estudo, explica, permitiu rexistrar “melloras significativas” no equilibrio, na marcha e na diminución do risco de sufrir caídas das e os maiores que realizaron un programa de actividade física cun dispositivo de realidade virtual.
Dirixida polo catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinador do grupo HealthyFit, José María Cancela, e polo profesor da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez Fuentes, a tese Deseño e implementación de un programa de ejercicio físico con realidad virtual inmersiva para la mejora de capacidades funcionales en las personas mayores recolle os resultados dunha investigación baseada no uso dos chamados exergames, videoxogos que implican un movemento físico.
O estudo centrouse en avaliar os efectos dun programa de exercicio de dez semanas, cunhas lentes head-mounted-display e un xogo cunha “temática baseada no boxeo”, que engadía ao exercicio físico “unha compoñente cognitiva”, que permitía traballar “a atención, a velocidade mental ou a toma rápida de decisións”, explica. Durante este período, as e os participantes no estudo mantiveron “as actividades habituais do centro”, mais nun dos casos, o do grupo experimental, a estas sumábanse tres sesións semanais de seis minutos con este dispositivo.
A investigación permitiu constatar como o grupo que traballou con Realidade Virtual presentaba “melloras significativas” nos indicadores relativos a equilibrio e marcha, á vez que diminuía o seu risco de sufrir caídas. Tamén se rexistrou unha mellora significativa, de 4,8 puntos, no test que avalía a chamada “forza de prensión”, nos membros superiores, un indicador que, como lembra Campo, acúa como “marcador de fraxilidade nas persoas maiores”. Fóra dos aspectos físicos, tamén se constataron melloras nos valores que avalían a súa calidade de vida, á vez que as e os participantes no estudo mostraron tamén unha “gran satisfacción” cunha experiencia que se mostrou, como “100% segura” nesta poboación.

PUBLICIDADE