O investigador do CITIC, Ricardo Cao, recolle a Medalla da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa

xoves, 19 de xaneiro do 2023 S. P.

O investigador principal do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, vén de recoller a Medalla da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO), que recoñece o labor dos socios que máis teñen contribuído “de forma relevante e continuada ao avance e á proxección da Estatística e da Investigación Operativa, no ámbito nacional e internacional, como disciplinas científicas”.
O xurado do premio salientou as sobresaíntes contribucións de Cao en “múltiples áreas da Estatística como os métodos non paramétricos, os métodos de remostraxe, a verosimilitude empírica, a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais e a análise estatística de grandes conxuntos de datos e as súas aplicacións á xenómica, ás neurociencias, epidemioloxía, oncoloxía, etc., cun destacado recoñecemento internacional”.
Ademais os membros do xurado recoñeceron “o seu liderado na coordinación de grupos de investigación así como do comité de expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus do CEMAT, do que foi nomeado presidente, e a súa ampla experiencia na transferencia de coñecemento a outros ámbitos, como as ciencias da saúde ou a enxeñaría naval”.
A SEIO destacou a maiores o fomento por parte de Ricardo Cao dun amplo equipo de colaboradores internacionais, “sendo membro moi activo de varias sociedades científicas internacionais”, como a ECAS (European Courses in Advanced Statistics), da que foi presidente, ou o prestixioso Institute of Mathematical Statistics (IMS), do que é membro electo, sendo así recoñecida mundialmente a súa contribución ao desenvolvemento da Estatística. Cao tamén salienta pola súa importante actividade na propia SEIO, onde foi editor xefe de TEST e actualmente editor asociado, e foi tamén editor xefe e editor asociado doutras revistas internacionais de recoñecido prestixio.
Ricardo Cao Abad é profesor de Estatística e Investigación de Operacións na Facultade de Informática da Universidade da Coruña desde 1991. Investigador principal e membro do Comité de Dirección do CITIC e coordinador do grupo de investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística da UDC, a súa docencia céntrase no Máster Interuniversitario de Técnicas Estatísticas, coorganizado polas tres universidades galegas, así como no Máster Universitario de Bioinformática para as Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e no Grao de Ciencia e Enxeñaría de Datos da Universidade da Coruña. Desde marzo de 2020 é o presidente do comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus creado polo Comité Español de Matemáticas (CEMAT).


PUBLICIDADE