O lado científico da Internet, a debate esta semana no Campus de Ferrol

mércores, 13 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Podemos saber, até certo punto, o que significa Internet nas nosas vidas na actualidade, pero albiscar o futuro da nosa relación coa Rede pode ser unha tarefa complexa. Sobre todo, polo ritmo de vertixe que adoptaron dende hai tempo os cambios tecnolóxicos, o que dá como resultado evolucións difíciles de predicir. Porén, os investigadores queren botar luz sobre estes cambios, e esta semana, dende mañá e até o venres 15, van xuntar forzas no Campus de Ferrol (salón de actos) para facelo. Estamos a falar das Xornadas de Filosofía da Ciencia da Universidade da Coruña, que van xa pola súa 24 edición.
O encontro terá un programa de actividades moi salientábel, que inclúe a presenza do director do Institute for Data Exploration and Applications e Tetherless World Professor of Computer, WEB and Cognitive Sciences no Rensselaer Polytechnic Institut de Nueva York, James Hendler, que será o responsábel da conferencia inaugural, baixo o epígrafe O futuro da web.
Volvendo á cerna das xornadas, serán novamente unha oportunidade referencial para reflexionar sobre a vertente científica de Internet, que, segundo indica a organización das mesmas (a UDC a través do Centro de Investigación de Filosofía da Ciencia e a Tecnoloxía e co apoio da Sociedad de Lógica, Metodología y Filosofía de la Ciencia en España). pasa “desapercibida fronte á insistencia na base tecnolóxica e as prácticas e usos sociais de Internet”.
Previamente a intervención de Hendler, o reitor da UDC, Julio Abalde, inaugurará os encontros xunto co coordinador dos mesmos, Wenceslao J. González, nun acto que será o día 14 ás 9:45 horas. Nesta ocasión, a temática xirará arredor de Internet e ciencia: análise desde a complexidade estrutural e dinámica.
A continuación da intervención de Hendler sobre o futuro da Sociedade da Información, falará o profesor da University of Massachusetts Lowell Yan Loo sobre o deseño de internet de máquinas e humanos para o futuro.
Amais de Hendler e Loo, participan nas xornadas os seguintes expertos: Thanassis Tiropanis (Universidade de Southampton), Ole Henseth (Universidade de Oslo), Ruth Towse (Universidade de Bournemouth) e Enrique Alonso (Universidade Autónoma de Madrid).
Tamén haberá comunicacións. Están previstas as correspondentes a Stephan Guttinger (London School of Economics), María José Arrojo (Universidade da Coruña), e Javier Taravilla (Universidade Autónoma de Madrid).
Segundo salienta a organización das xornadas, estas traerán a Ferrol a relatores do máximo nivel de universidades de Estados Unidos, Reino Unido, Tailandia, Noruega e España. A UDC tamén salienta, no programa previsto de relatorios, intervencións sobre temas como a complexidade na construción de Internet, as tendencias na relación entre ciencia e Rede, observatorios de datos, plusvalía dixital ou a necesidade dun novo enfoque económica para a economía creativa na era dixital.

PUBLICIDADE