O lecer dixital gaña protagonismo en Galicia ao ritmo do streaming, a música en liña e as redes sociais
martes, 30 de xuño do 2026
Os hábitos de consumo de medios continúan evolucionando en Galicia ao ritmo da transformación dixital, materializándose nun meirande uso e protagonismo, nas nosas vidas, das redes sociais, das plataformas de streaming, da TV conectada, do audio en liña. Así nolo conta a axencia Avante nun informe elaborado a partir dos datos obtidos na 2ª Onda do Estudo Xeral de Medios (EGM) 2026.
No informe tamén se indica que Internet é xa o medio máis consumido “cunha penetración do 79,4%, e continúa crecendo respecto ao ano anterior”. Ademais, todas as categorías dixitais analizadas aumentan o seu consumo: televisión e vídeo online ( 4,3%), redes sociais ( 3,9%), sitios de Contidos ( 1,6%) e audio online (3,8%).
Protagonismo da mensaxería instantánea
Na investigación explícase tamén que este crecemento trasládase tamén aos usos cotiáns da Internet. A mensaxería instantánea mantense como o servizo en liña máis usado, cunha penetración do 74,8%, seguida das redes sociais (54,4%) e do correo electrónico (51,3%).
Tamén medran outros hábitos como a lectura de información de actualidade (36,9%), o visionado de vídeos online (20,7%) ou as operacións bancarias dixitais (16,5%), “confirmando unha integración cada vez maior da contorna en liña na vida diaria dos galegos”.
No ámbito das redes sociais, Instagram consolídase como a plataforma líder en Galicia, cunha penetración do 38,3% e un crecemento do 13,5% respecto ao ano anterior. Séguenlle Facebook (30,8%) e Youtube (27,3%), esta última cun importante avance do 26%. Pola súa banda, TikTok alcanza xa ao 21,7% dos galegos, tras crecer un 22%, reforzando o peso do vídeo curto dentro do consumo dixital.
Streaming, evolución positiva
O streaming audiovisual mantén tamén unha evolución positiva. Netflix supera o 50% de penetración e consolídase como a plataforma líder de vídeo baixo demanda en Galicia, cun 50,3%. Prime Vídeo sitúase en 2ª posición, alcanzando ao 37,4% dos galegos, mentres que Movistar (20,6%) e HBO Max (18,5%) destacan polo seu crecemento respecto a 2025.
En concreto, HBO Max rexistra un avance do 34,9%, un dos incrementos máis destacados dentro do ecosistema VOD.
En música online, Spotify mantén unha posición claramente dominante, cunha penetración do 33,9%, moi por diante do resto de plataformas. Youtube Music ocupa a segunda posición, cun 11,4%, mentres que Amazon Primar Music alcanza o 3,5%. “Estes datos evidencian como o audio dixital gana espazo dentro do consumo de entretemento dos galegos”, salienta Avante, que na súa análise permite coñecer en profundidade como se informan, entreteñen e consomen contidos os cidadáns de Galicia.
Medios tradicionais
O informe tamén analiza o comportamento das audiencias en televisión, radio, prensa, exterior, revistas e cinema, identificando as principais tendencias de crecemento e descenso rexistradas durante os últimos meses.
Neste contexto, o medio exterior mantense en segunda posición cun 77,4% e un lixeiro incremento respecto ao ano anterior.
A televisión convencional continúa en terceira posición cun 75,2%, aínda que a televisión conectada e o vídeo en liña seguen recortando distancia tras crecer un 6,7% e alcanzar o 68,7%. A radio conserva unha elevada penetración, cun 55,7%, aínda que rexistra un lixeiro retroceso fronte ao crecemento do audio en liña. Pola súa banda, os soportes impresos continúan perdendo peso. Os diarios sitúanse no 22,8%, as revistas no 21,8% e os suplementos dominicais no 5,9%. En cambio, o cinema medra ata o 6%, cun avance do 27%, o que lle permite abandonar a última posición da clasificación de medios.
