O luns 4 arrinca a 3ª Semana das Tendencias e Infraestruturas TIC organizada por R

martes, 27 de febreiro do 2024 S. P.

Dende o vindeiro luns 4 e ata o venres 8 de marzo, en formato dixital, interactivo e exprés, especialistas de compañías referentes mundiais en tecnoloxía ofrecerán a súa visión estratéxica sobre as principais tendencias TIC e os retos derivados da dixitalización das empresas no marco da 3ª edición da Semana das Tendencias TIC que organiza R.
Portavoces de Fortinet, Aruba, Microsoft, Ozona e Commvault, por esta orde e de luns a venres, pilotarán cada unha das xornadas, divididas en cinco sesións de 30 minutos, para revelar algunhas claves que poden axudar a empresa a tomar decisións e a adiantarse aos grandes desafíos do sector na actualidade.
A operadora galega explica que a terceira edición da Semana revalida “a súa misión de acompañar unha vez máis empresas galegas nos seus procesos de dixitalización para optimizar a competitividade das compañías do territorio en calquera escenario do mundo”.
As sesións serán gratuítas e accesíbeis mediante inscrición previa no documento en liña habilitado.
Ciberseguridade, conectividade, IA, teletraballo e datos seguros
A primeira sesión, o luns 4 de marzo, correrá a cargo de Iñaki Quintanilla e Cristian Bermejo, de Fortinet, que explicarán os fundamentos dunha solución avanzada para integrar seguridade, visibilidade e control da nube no posto de traballo. Tamén falarán de como contrarrestar ameazas en tempo real con servizos de seguridade impulsada por Intelixencia Artificlal (IA).
O martes 5 será a quenda de Aruba. Nesta xornada, Alberto Pérez Cuesta analizará o presente e o futuro da tecnoloxía da conectividade na empresa e a axilidade e resiliencia necesarias nos negocios para adoptar novas capacidades e procesos apoiados na tecnoloxía.
A terceira sesión, o mércores 6, correrá a cargo de Microsoft, coa intervención de Antonio Cruz, que afondará no terreo da Intelixencia Artificial xenerativa no posto de traballo e nos retos e oportunidades que lles ofrece Copilot para Microsoft 365 ás organizacións e os seus responsábeis de Tecnoloxías da Información.
Ozona, co experto Marcos Paredes, destinará a xornada do xoves 7 a analizar unha solución que reforza eficiencia e seguridade da empresa nunha contorna de teletraballo ou traballo deslocalizado, controlando en paralelo o rendemento das aplicacións e do profesional.
Por último, o venres 8 de marzo, a Semana das TIC concluirá coa quenda de Commvault, da man de Juan Esquivel, quen profundará na xestión do dato como activo estratéxico clave nas compañías e sometido a ameazas potenciadas polo auxe do Machine Learning e a IA Xenerativa. Ofreceranse opcións para combater a IA con IA, garantindo a seguridade nativa dos datos na nube e, en consecuencia, a resiliencia do negocio.
Cada unha das sesións, que comezan ás 9:30, finalizarán cunha quenda de preguntas na que os participantes poderán interactuar cos expertos, expondo dúbidas e temáticas xurdidas ao longo das súas intervencións.