O magnetismo será o fío condutor dos quintos Premios Youtubeiras

mércores, 15 de setembro do 2021 S. P.

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos (Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo), das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, presentaron este mércores 15 de setembro a súa quinta edición, organizada baixo o lema Magnetismo en liña. Foi nun acto celebrado en Santiago de Compostela e no que se destacou “a necesidade de impulsar a formación e consolidar a comunidade creadora que xurdiu ao redor desta iniciativa”. Na presentación estivo Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras, quen anunciou ante os medios os detalles desta quinta edición na compaña de Rubén Prol, concelleiro compostelán de Políticas Lingüísticas, e de Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames.
Pereiro púxolle cifras ao grande incremento de participantes nestes anos ao sinalar que “en 2017 concorreron 202 vídeos”, mentres que na convocatoria de 2020 “a cifra ascendeu ata os 536”. Nesta nova convocatoria, engadiu, “tense a vontade de superar a marca, malia que o prazo de inscrición para participar é menor que o de edicións anteriores, xa que se limitará a dous meses, establecéndose o 22 de outubro como data límite para o envío de propostas”.
Co obxectivo de fomentar a creación de canles, pero “tamén o seu mantemento”, fixeron saber que “este ano non se poderán presentar vídeos illados como en anteriores edicións”. Trátase dunha das grandes novidades dos quintos Premios Youtubeiras que, por segunda edición consecutiva, artellaranse nunha ducia de categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. Poderán aspirar a gañar os galardóns nestas doce categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de 14 anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.
En relación á vertente máis formativa do certame, a Carme Pereiro dixo que nos vindeiros meses ofreceranse novas formacións, actividades que lle darán continuidade ao obradoiro impartido por Xoán Escudero ao comezo do verán, centrado na mellora da calidade sonora dos vídeos. Neste sentido, explicou que este mes Adrián Suárez impartirá un curso sobre posicionamento na creación dixital e, xa en outubro, Bárbara Román, avogada especializada en empresas tecnolóxicas, será a encargada de desenvolver os aspectos legais do Youtube.
Durante a presentación desta mañá anunciouse tamén a constitución do xurado que decidirá quen gaña en todas as categorías, agás no caso do Premio do Público. Nesta ocasión o tribunal estará composto polo sociolingüista Fernando Ramallo, responsable da ANL da UVigo; o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia.

PUBLICIDADE