O maior freo para adopción do iPhone X serían os iPhone anteriores

martes, 6 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Aínda que os resultados económicos de Apple no último trimestre de 2017 foron moi positivos, estamos ante a primeira caída en vendas do iPhone na campaña de Nadal, e os novos terminais venderon menos do que algúns analistas esperaban, de xeito que o balance foi positivo como consecuencia do elevado prezo do iPhone X, que compensou sobradamente a caída de vendas. En vista desta situación realizouse unha enquisa para coñecer os motivos polos que os usuarios de iPhone non actualizaron os seus móbiles aos novos modelos, confirmándose a percepción que teñen a meirande parte dos consumidores: os móbiles de anteriores xeracións son dabondo para a meirande parte dos consumidores e os novos modelos son moi caros.
Concretamente o 44% dos consultados admitiron que o seu iPhone actual funciona ben, mentres que o 31% asegura que os novos iPhone son moi caros e un 8% apuntaría a que a pantalla do iPhone X parécelles cativa, polo que estarían a esperar a unha rumoreada versión Plus.
En vista destas informacións non sorprenden os rumores de que este ano poderiamos ver un novo iPhone co deseño do iPhone X, pero máis económico e cunha pantalla de maior tamaño, como un xeito de captar aos usuarios máis reticentes e, en boa medida, para repetir a xogada do iPhone SE, que ao ofrecer un prezo inferior conseguiu grandes vendas a nivel mundial.
Os rumores apuntan a que este ano teriamos unha versión actualizada do iPhone X, unha versión Plus con pantalla de 6,5 polgadas, e logo, unha versión relativamente económica con pantalla de 6,1 polgadas que, para poder axustar o seu prezo, en vez de pantalla AMOLED tería unha pantalla LCD.

PUBLICIDADE