O máis puxante da industria smart darase cita na Maker Faire Galicia

martes, 13 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto

Quen queira converterse en creadora ou creador de tecnoloxías, cos instrumentos do seu propio enxeño, poderá comezar a facelo a partir deste 23 novembro, en Santiago. O motivo? A celebración da cita argalleira Maker Faire Galicia, sen dúbida un dos grandes acontecementos galegos e estatais do ámbito da tecnoloxía cooperativa, participativa, democrática, accesíbel e sen cancelas. Por se isto fose pouco, o evento (segunda edición) será unha boa oportunidade para vermos o que se coce na actualidade no que se coñece como Industria 4.0.
Así, algunhas das empresas máis punteiras da nosa terra e do panorama internacional estarán alí para demostrarnos como as novas tecnoloxías poden axudar ao sector produtivo a tocar sempre as notas máis axeitadas: na comunicación co cliente, na produción, na loxística ou na mercadotecnia.
Na cita colabora arreo o Concello de Santiago, que hoxe confirmou que a feira incluirá no seu programa unha xornada profesional para mostrar o máis avanzado en cousas como deseño intelixente, a robótica, as tecnoloxías sustentábeis ou a ciencia.
Amais, o Goberno local compostelá informou de que unha das encargadas de abrir o evento será a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento e Turismo, Marta Lois, xunto co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e Matilde Rodríguez, co-organizadora da Maker Faire Galicia.
Nun plano máis concreto, con nomes propios e relatorios definidos, as charlas e mesas de debate contarán coa presenza de persoeiros do ámbito Maker como Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto; Stiven Kerestegian, xefe de Innovación e Estratexia do CIID (Copenhagen Institute of Interaction Design), ou Zoe Powell, deseñadora téxtil especializada na creación de bioplásticos e membro de Materiom, que formará parte dunha mesa de debate sobre “a importancia da tecnoloxía para redeseñar o mundo”, na que tamén participará Gianluca Pugliese, da empresa Wasp, responsábel da creación dunha impresora 3D con capacidade para imprimir casas por menos de 1.000 euros.
No eido científico, Carmen Álvarez, licenciada e doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre os avances da bioimpresión nunha charla na que estará acompañada por responsables de REGEMAT, empresa española especializada na impresión 3D de tecidos biolóxicos.
Ademais, para esta xornada profesional, a organización seleccionou os 10 proxectos máis innovadores desenvolvidos polos nosos makers, que presentarán cadanseus enxeños perante un xurado profesional que elixirá os tres mellores. O acto rematará coa entrega de premios e unha comida networking para participantes e asistentes a cargo de O Fogar do Santiso.
O Concello de Santiago lembra que os profesionais interesados en asistir como público a esta xornada poderán inscribirse na páxina web do evento, galicia.makerfaire.com, onde teñen habilitado un formulario no cal, tras cubrir os seus datos, poderán conseguir a súa acreditación.
Para esta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

PUBLICIDADE