O mando Elite de Xbox estrea versión económica

mércores, 7 de setembro do 2022 Marcus Fernández

En 2015 dende Microsoft tiveron a idea de lanzar o Xbox Elite Wireless Controller, un mando de alta gama orientado a xogadores intensivos e profesionais, e a boa recepción deste produto leva a que incluso a PlayStation 5 estea a preparar un equivalente (o mando DualSense Edge), pero dende Microsoft non queren deixar aí o concepto e agora anuncian que queren levalo a un maior número de xogadores lanzando unha versión económica da súa última versión.
Os xogadores competitivos que queiran contar cun mando con prestacións excepcionais, con pancas de tensión axustable, agarre texturizado envolvente e gatillos de alta sensibilidade con bloqueo máis curto poden facerse co novo mando sen fíos Xbox Elite Series 2 básico por 129,99 euros. Este novo mando tamén conta cunha batería recargable con autonomía de até 40 horas e unha grande personalización da súa asignación de botóns.
Para os usuarios máis esixentes segue estando dispoñible o mando sen fíos Xbox Elite Series 2, que ten un prezo de 179,99 euros, e inclúe compoñentes intercambiables para adaptarse ao estilo de xogo do usuario, estoxo de transporte e base de carga. Cómpre destacar que os compoñentes que diferencian ambos modelos do mando Elite poden adquirirse nun lote completo por 59,99 euros.
Tanto o novo mando básico como o lote de compoñentes estarán dispoñibles a partir do 21 de setembro.

PUBLICIDADE