O maxistrado que aprobou os bloqueos do fútbol a través de VPN comenta as súas resolucións

venres, 20 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Nos últimos días creouse bastante rebumbio tras coñecerse a existencia dun auto xudicial da Sección do Mercantil do Tribunal de Instancia de Córdoba que instaba a ProtonVPN e a NordVPN a adoptar medidas durante os partidos de fútbol para impedir o acceso a retransmisións ilegais dende España, o que entendíase que na práctica suporía o bloqueo dos propios servizos de VPN.
Ante os comentarios que xurdiron na Rede, o propio maxistrado que asinou a resolución, Antonio Fuentes Bujalance, quixo realizar matizacións en LinkedIn. O maxistrado critica os comentarios indocumentados (obviando que da información sábese por unha nota de prensa de LaLiga, xa que o texto xudicial non se fixo público) e asegura que as resolucións «non bloquean ningún servizo VPN nin ordenan bloquear tráfico legal nin afectar o máis mínimo ao tráfico ordinario» detallando que «só queda afectado o tráfico ilegal, no único e exclusivo caso que tecnicamente sexa posible facer esa discriminación entre tráfico legal e ilegal polo subministrador de VPN sen afectar de modo algún todo o que non teña que ver co tráfico ilegal do streaming do fútbol».
O maxistrado insiste en que os bloqueos só terían lugar cando fose tecnicamente posible, o que, de interpretarse literalmente, suporía que estariamos ante resolucións que non afectarían a retransmisións escudadas a través de servizos como Cloudflare, polo que o seu efecto sería moi reducido ou incluso nulo, aínda que iso dependerá de procedementos posteriores nos que decidan se é ou non posible realizar bloqueos sen afectar a tráfico lícito.