O medio dixital Dioivo confirma a súa "parálise"
mércores, 9 de outubro do 2013
A primeiros de 2012 vía
a luz na Internet galega un novo medio dixital, Dioivo, que pretendía
atender unha demanda de contidos que ficara no mercado despois do peche de
varios medios de comunicación galegos en 2011, e aínda que esta iniciativa
naceu coas mellores intencións, leva máis de dous meses fóra de liña e coa súa
presenza totalmente desatendida, o que levou aos responsables de Galicia
Confidencial a contactar cos promotores desta publicación, confirmando que o
proxecto está “nun momento de parálise e a continuidade preséntase complicada”
por mor das “circunstanciais persoais e laborais de cada un dos membros do seu
grupo promotor”.
O que si adiantan é que van procurar que o traballo feito ata o momento poida
ficar na Internet a xeito de arquivo, para evitar o que aconteceu con proxectos
como Xornal de Galicia e A Nosa Terra, que foron erradicados da Rede tras o seu
peche.