O mercado dos smartphones experimenta a peor caída da historia

luns, 4 de maio do 2020 Marcus Fernández

Dende Counterpoint están a dar conta da meirande contracción do mercado mundial de smartphones da historia, de xeito que no primeiro trimestre do ano experimentouse unha caída interanual do 13%, de xeito que sería a primeira vez dende 2014 que o mercado dos smartphones cae por debaixo dos 300 millóns de unidades, de xeito que a pandemia tería freado en seco a recuperación que estaba a experimentar o sector dende o último trimestre do ano pasado.
Se miramos datos do mercado chinés, o primeiro afectado pola COVID-19, temos que a caída interanual do mercado de smartphones foi do 27%, o que podería ser un claro indicativo de que o segundo trimestre do ano a nivel global será aínda peor, provocando un 2020 moi negativo, non só pola redución de vendas propia dunha crise, senón tamén porque a alerta sanitaria provocou adiamentos no espallamento da 5G a nivel mundial, de xeito que os usuarios non se verán tan animados a renovar os seus dispositivos para poder aproveitar as novas velocidades de conexión.
Resulta curioso ver como non todos os fabricantes acusaron do mesmo xeito esta crise, dando a impresión de que os pequenos fabricantes son os menos afectados, chegando incluso a medrar en vendas. Samsung e Huawei deixarían de colocar no mercado 13 e 10,1 millóns de unidades respectivamente; Apple, Oppo e Vivo só caerían en 2, 3,4 e 2,3 millóns de unidades; e, en contraste, Xiaomi e Realme medrarían en 1,9 e 4,4 millóns, sendo especialmente salientable o caso de Realme, xa que esta marca tería un crecemento interanual do 157%. Dende Counterpoint considera que os bos resultados de Xiaomi e Realme poden ser debidos a que a India é un dos seus principais mercados.
Este retrato do primeiro trimestre do ano dá a entender que o segundo trimestre de 2020 vai ser crítico para o sector, xa que non só caerá a demanda de dispositivos, senón que tamén houbo problemas a nivel de distribución, establecementos físicos pechados, problemas na cadea de subministros... Todo iso tería un impacto moi directo nos smartphones máis económicos, mentres que a gama media podería manter certo pulo. Sobre os móbiles de gama alta é posible que se proxecte unha escura sombra, xa que os cidadáns serán máis prudentes á hora de realizar grandes investimentos mentres non saiban en que situación financeira quedarán na chamada nova normalidade.

Os datos sobre o mercado de smartphones a nivel global publicados por Counterpoint deixan ver un comportamento desigual según fabricantes

PUBLICIDADE