O micrófono RØDE NT1 renóvase

luns, 20 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

O micrófono de estudio RØDE NT1, do que venderon máis de 6 millóns de unidades nos últimos 30 anos, chega á súa 5ª xeración, considerada como a evolución máis significativa deste micrófono de condensador, que conta con conexións XLR e USB-C, procesamento de sinal dixital avanzado e, como grande novidade, unha saída dixital de 32 bits que presume de estar libre de distorsións grazas a contar cun rango dinámico tan elevado.
Este micrófono ten unha cápsula cun diafragma HF6 de 1 polgada; presume de ser o micrófono de condensador de estudio máis silencioso do mundo (4dbA); conexión dual XLR e USB-C (de xeito que pode usarse directamente no ordenador ou conectado en mesas de mestura e interfaces de audio); incorpora un analóxico-dixital de até 192 kHz; integra un procesador dixital avanzado (con compresor, porta de ruído, filtro de paso alto de dous pasos efectos Aural Exciter e BigBottom); inclúe cables, soporte anti-vibración e filtro anti-vento; e a posibilidade de adquirilo con acabado en negro ou en prata.
Este micrófono tamén é compatible coas aplicacións RØDE Central e RØDE Connect, que son de grande utilidade para os creadores de contido, e incluso ofrecen a posibilidade de conectar até 8 destes micrófonos a un único ordenador persoal para facer gravacións multipista (o que supón que non só estamos ante un bo micrófono, senón que podemos velo como unha solución total de gravación dixital).
O novo RØDE NT1 chegará ao mercado en marzo a un prezo recomendado de 299 euros.

PUBLICIDADE