O ministro Escrivá coñeceu as instalacións e actividade científica do CiTIUS
xoves, 20 de xuño do 2024
- O ministro no CiTIUS da USC. Imaxes de Santi Alvite.
O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá, visitou este mércores 19 de xuño o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC acompañado polo reitor Antonio López, o director científico do centro, Senén Barro. Escrivá destacou nun encontro cos medios de comunicación “todo o potente ecosistema arredor da Intelixencia Artificial en Galicia”, e en concreto sobre o traballo do CiTIUS puxo de relevo o “moi relevante esforzo” no eido do desenvolvemento de modelos de IA. Tamén fixo unha referencia especial ao traballo do CiTIUS e do ILG no “exitoso Proxecto Nós”, destinado a integrar o galego na vangarda das ferramentas intelixentes.
O ministro tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións do CiTIUS, onde o persoal investigador principal lle explicou as súas potencialidades e os proxectos que alí se desenvolven. Máis polo miúdo, fixo un percorrido por varios laboratorios do centro, entre eles o de Realidades Intanxíbeis, dirixido por David Glowacki, o de Microelectrónica, baixo a supervisión de Diego Cabello e Paula López Martínez, e o de Robótica, liderado por Roberto Iglesias, Juan Antonio Corrales, Alejandro Catalá e Nelly Condori.
A continuación, o ministro asistiu a unha sesión de presentación da actividade do centro, das novidades e dos novos proxectos de investigación de alto impacto. Así, Senén Barro explicou os pormenores das dúas novas cátedras de investigación financiadas polo Ministerio de Transformación Dixital: a Cátedra USC-Plexus Tech en Intelixencia Artificial Aplicada á Medicina Personalizada de Precisión que el mesmo dirixe, e a Cátedra USC-Televés en deseño microelectrónico da que é directora Paula López Martínez.
O ministro cualificou o carácter profundamente innovador destas cátedras. Para Escrivá, as cátedras do CiTIUS da USC “son o mellor exemplo de como dende a Universidade se pode traballar dunha forma transformadora para que toda a investigación remate nun beneficio directo á sociedade”.
A rolda de presentacións continuou co proxecto HYBRIDS, a cargo do seu investigador principal, Pablo Gamallo; o innovador uso da realidade virtual en tratamentos paliativos liderado por David Glowacki; e o proxecto RePowerSiC de Natalia Seoane Iglesias, enfocado en tecnoloxías de transferencia de enerxía para a exploración espacial.