O ministro de Industria recibiu máis de un millón de sinaturas contra o canon dixital

luns, 19 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

O “non” ó canon dixital está actualmente (a día de hoxe luns 19 de marzo) en boca de 1.069.000 cidadáns españois, que veñen de contribuír con cadansúa sinatura en contra da dita taxa perante ó Ministerio de Industria. Acompañando ás rúbricas, ou, mellor dito, deixándose avalar polas rúbricas, foille entregado ó representante deste departamento gobernamental, Juan Clos, un manifesto onde se fai constar que o canon e a Lei de Propiedade Intelectual que o ampara non só vulnera a normativa española, senón tamén a europea. Segundo a devandita declaración conxunta achegada este luns pola plataforma todoscontraelcanon.es (integrada por 26 organizacións cidadás e profesionais), ó consentir que dúas ou máis entidades de xestión de dereitos de autor obteñan beneficio cun adianto tecnolóxico, estanse a infrinxir os principios das leis de Defensa de Competencia, amais de fixar as bases para o dereito á copia e o contrario no mesmo texto.
Para os asinantes, as perdas que está a ocasionar o canon dixital no mercado son abondosas, xa que constitúen o 60% do prezo dos DVDs e un engadido de até 90,06 euros sobre o custo dos iPod de 30 XG (por poñer un exemplo), fronte ós 2,56 ou 9,87 que se paga en Alemaña ou Italia. Estes datos, achegados polo centro Enter a través de Baquia, complétanse cun prognóstico da CLRA sobre o que se agarda a curto prazo do canon no mercado europeo: os ingresos polo cobro da taxa incrementaranse dende os 1.570 previstos para este ano até os 2.120 millóns en 2009.

PUBLICIDADE