O móbil é o motor da socidade dixital española

luns, 5 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

De esquerda a dereita, o director xeral de ESL España, Manuel Moreno; o director de Kolokium Blockchain Technologies José Juan Moura; o presidente de Fundación Telefónica, César Alierta; o secretario de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, José María Lassalle Ruiz; o director xeral de Fundación Telefónica José María Sanz- Magallón e o director do Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial (CSIC), Ramón Lopez de Mántaras.

Esta mañá presentouse o Informe da Sociedade Dixital en España 2017, sdiE[17, elaborado pola Fundación Telefónica, e que reflicte a aposta cada vez maior pola tecnoloxía a nivel social, nun proceso no que a intelixencia artificial e a Internet das Cousas xogan cada vez un rol máis importante (no que dan en chamar Sociedade Cognitiva). O informe sostén que España ten unha sociedade dixital grazas principalmente á banda larga móbil, destacando tamén que España mantén a súa posición líder no despregamento de redes de fibra óptica até o fogar, con máis clientes de FTTH que os mercados de Alemaña, Reino Unido, Francia e Italia xuntos.
No que se refire á cobertura móbil, o informe asegura que as conexións de 3,5G chegan practicamente á totalidade dos fogares, mentres que a cobertura 4G chegaría o 94% dos mesmos.
Entre os detalles máis salientables do informe asegúrase que en 2018 o 50% dos mozos españois son mobile first, ou sexa, que entre o 90 e o 100% do seu tempo en rede é a través do móbil. De feito, o 86% posúe un smartphone e úsao como dispositivo de referencia para a mensaxería instantánea, acceder a redes sociais, consumir música e ver vídeos en streaming.

Retrato da sociedade dixital española

A presentación completouse cunha mesa redonda onde se analizaron varios aspectos desta transformación dixital e os retos futuros da nosa sociedade que contou co director xeral de ESL España, Manuel Moreno; o director de Kolokium Blockchain Technologies, José Juan Moura; e o director do Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial (CSIC), Ramón Lopez de Mántaras.

Dos 24 millóns de españois de entre 16 e 74 anos que se conectan a diario á Internet (o 64% do total) temos unha clara diferenciación en función da idade, de xeito que o 98% dos mozos conéctanse á Rede a diario, mentres que en adultos de entre 65 e 74 anos falamos dun 43,7%. Precisamente entre estes últimos o uso da Internet medrou un 26% en 2017.
Outro detalle a destacar é o pulo da economía colaborativa, cun 21,4% dos internautas empregando páxinas web ou aplicacións para acordar un aloxamento e un 8,9% para concertar o transporte con outro particular.

Algúns datos salientables

No informe da Fundación Telefónica tamén vemos como o ordenador perde usuarios, manténdose como o dispositivo máis utilizado só para usos profesionais (76,3%), mentres que para o lecer medra o uso de tabletas (36,6%).
A televisión por Internet (27,5%) tamén sube lixeiramente, como o uso da banca móbil (56,7%) e o comercio electrónico (51,6%). Na mensaxería instantánea o 30,8% envía mensaxes de voz (un 36% se nos referimos a mulleres e un 25,3% no caso dos homes), mentres que o envío de imaxes ou vídeos e o máis habitual (35,7%).

PUBLICIDADE