O modelo de ensino híbrido E-Dixgal será empregado por 599 centros educativos o vindeiro curso
venres, 30 de maio do 2025
A Consellería de Educación publica hoxe, venres 30 de maio, a resolución da convocatoria deste ano en canto ao modelo de ensino híbrido voluntario do proxecto E-Dixgal. Desta volta serán un total de 599 centros educativos que imparten ensinanzas de Primaria e Secundaria os que empregarán o vindeiro curso o E-Dixgal.
Cómpre dicir que todos estes centros xa participaban na iniciativa actualmente, polo que non se producen novas incorporacións. Si hai dous centros que pediron incrementar o número de cursos no proxecto, en concreto os colexios CPR Sagrado Corazón, de Ribeira, e CPR Divino Maestro, de Ourense. Asemade, deciden saír do proxecto 14 centros.
Engadir que a Xunta está a desenvolver un proceso de actualización do proxecto, co obxectivo de reforzar o seu carácter híbrido. Para iso, introduciranse xa no vindeiro curso melloras, como a dotación aos centros E-Dixgal de libros de texto, que a Xunta emprestará de balde ao alumnado segundo a renda familiar.
Pola súa banda, os centros integrados poderán achegar por primeira vez ata tres libros de texto na etapa de Primaria e de dous libros na de Educación Secundaria, nas materias que elixan libremente, combinando así computadores e manuais en papel. Para facilitar a súa adquisición, a Consellería dotaraos dun fondo de manuais que se prestarán de xeito gratuíto seguindo os mesmos criterios de renda que xa operan actualmente para outras axudas da Consellería. É dicir, para as rendas iguais ou inferiores a 10.000€ per cápita.
Pola contra, de superar os limiares de renda que rexen para o fondo de libros, as familias poderán beneficiaranse das novas desgravacións fiscais de ata 105€ por fillo que a Xunta vai a poñer en marcha por primeira vez, para rendas per cápita superiores aos 10.000€ e ata 30.000€. A incorporación de libros en papel será, en todo caso, unha decisión voluntaria por parte de cada centro e teñen de prazo ata o día 20 de xuño para comunicarlle á Consellería a decisión.
En canto ás melloras, figuran tamén o reforzo dos contidos dixitais de calidade a través de cREAgal, unha nova ferramenta xa en marcha na que o profesorado deseña e comparte recursos didácticos de elaboración propia; a achega de novas materias con contidos en inglés e a revisión dos materiais xa existentes co fin de continuar optimizándoos para a mellor utilización na aula.
Alén disto, cómpre salientar o eido da formación no ámbito do profesorado, que vai contar cun itinerario formativo específico vencellado ao desenvolvemento do modelo mixto, así como o reforzo das actividades contempladas no Plan dixital de centro dirixidas ao alumnado sobre a navegación segura, a protección da privacidade e os riscos do mundo dixital.
Amais disto, o apartado do benestar dixital é outro dos aspectos que recibe un novo impulso a través dun plan cuxa elaboración comezou a Consellería xa cunha xuntanza de traballo con expertos do eido da pedagoxía, a pediatría, a psicoloxía e a tecnoloxía. Vanse deseñar accións formativas encamiñadas ás familias que se canalizaran a través das Escolas de nais e pais, con formación nos propios centros e, por primeira vez, nos centros de formación e recursos das cidades.
O proceso de revisión e actualización de E-Dixgal desenvolverase en dúas fases, a primeira das cales arrancará xa en setembro. Ampliarase no curso 26-27, unha vez que se aprobe a Lei de educación dixital actualmente en elaboración, que estará orientada a regular este modelo híbrido. Os cambios buscan adaptar o proxecto ás novas realidades e á evolución social e pedagóxica, dando resposta ademais ao sentir da comunidade educativa ao respecto do uso das pantallas. Cómpre lembrar que, neste senso, se introduciron cambios en cuestións como a prohibición do uso dos teléfonos móbiles nas aulas.
Para rematar, subliñar que a entrada e saída ao proxecto E-Dixgal é totalmente voluntaria por parte dos centros con varios requisitos, entre eles o apoio previo do Claustro do profesorado e do Consello Escolar, onde están representadas as familias. Ademais, deben ter rematada a súa permanencia no programa. Seguindo estas premisas os 14 centros que saen do programa E-Dixgal o vindeiro curso son, na provincia da Coruña, o Colexio CPI de San Vicente (A Baña), o Instituto IES Ricardo Carvalho Calero (Ferrol) e o Colexio CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela). Na provincia de Lugo, saen o IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada), o CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz (Meira), o CEIP O Salvador (A Pastoriza) e o IES do Camiño (Palas de Rei); mentres que na de Ourense son os colexios CPR Plurilingüe Concepción Arenal e CPI Plurilingüe José García García, ambos da capital de provincia, e o IES Cosme López Rodríguez (A Rúa). Na provincia de Pontevedra saen de E-Dixgal o IES Monte da Vila (O Grove), o CPR Plurilingüe La Inmaculada (Marín), o IES de Mos (Mos), o CEIP Mallón (Nigrán) e o IES Val do Tea (Ponteareas).