O nanosatélite BIXO do grupo UVigo SpaceLab será lanzado ao espazo en 2024
xoves, 22 de setembro do 2022
O
satélite
BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit)
de UVigo SpaceLab será enviado ao espazo en 2024 pola Academia
Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento. Lanzarase ao
abeiro dunha competición organizada pola Federación Internacional
de Astronáutica e Sociedade China de Astronáutica: o concurso Space
Universities Cubesat Challenges (SUCC). O nanosatélite BIX está a
ser desenvolvido por preto de 40 estudantes da Universidade de Vigo,
integrados en UVigo SpaceLab.
Universidades
de todo o mundo participaron no concurso que finalmente recoñeceu
como mellor deseño de misión para a súa posta en órbita a BIXO,
de UVigo SpaceLab, que será lanzado ao espazo no ano 2024 a bordo
dun foguete Long March ou Smart Dragon Series, operado pola
Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento e que se
converterá no quinto aparello das súas características enviado ao
espazo por alumnado da UVigo.
Os
estudantes Manuel Diz, Guillermo Calvo e Martín Blanco, xunto ao
docente e investigador Fernando Aguado foron os encargados de
recoller e agradecer o dito recoñecemento en París, un galardón
que inclúe o lanzamento gratuíto e a cantidade de 3.000 euros, e
que consideran “o impulso que nos faltaba para dar o paso e así
consolidar a misión, máis aínda tendo en conta que o custo
estimado dun lanzamento establécese arredor dos 180.000 euros. Así
logramos ter o proxecto pechado con data de lanzamento en 2024, o que
supón tamén unha visión máis atractiva para os patrocinadores e o
alumnado da UVigo”, sinala o director do proxecto, Manuel Diz, que
lembra que BIXO será o portador da segunda misión biolóxica
europea. Logo de sete misións biolóxicas en pequenos satélites,
seis da NASA e unha da ESA, todas en satélites de maior tamaño,
3UDs (10 x 10 x 30 cm) en formato cubesat, “a nosa misión será de
2UDs (10x 10 x 20 cm), o que supón un gran reto, xa que ata agora
non houbo ningún desenvolvemento completo dun pequeno laboratorio
espacial nun satélite tan pequeno, por iso dicimos que é a misión
máis compacta lanzada desde Europa e, que saibamos, a máis pequena
do mundo”, explica Diz.
Co
lema CubeSat, unha plataforma para a verificación de novas
tecnoloxías e a cooperación internacional, o concurso Space
Universities CubeSat Challenge naceu o pasado ano cos obxectivos de
fomentar o pensamento innovador do alumnado universitario; mellorar
na capacidade de investigación científica na astronáutica, a
combinación de teoría e práctica e de resolución de problemas
prácticos de enxeñería e popularizar o coñecemento espacial e o
apoio a talentos innovadores.
Máis
aló do premio outorgado aos integrantes de UVigo SpaceLab, a
presenza viguesa no International Astronautical Congress (IAC) 2022
completouse nesta edición do congreso con varias das empresas
patrocinadoras da misión do nanosatélite BIXO, como Alen Space,
centrada no desenvolvemento, tanto de software, como de hardware para
satélites, e DHV Technologies, subministrador de paneis solares e
sistemas de adquisición, almacenamento e distribución de potencia
para satélites.