O navegador web de Perplexity ábrese a todos os usuarios

venres, 3 de outubro do 2025 Redacción

Perplexity anunciou o lanzamento global e de balde de Comet, o seu innovador navegador web impulsado por intelixencia artificial. Agora, calquera persoa pode descargar a ferramenta para ordenadores que funcionen con Windows ou macOS, un movemento estratéxico que busca competir con ferramentas semellante como Google Chrome e Microsoft Edge, que integrando a IA tamén buscan redefinir a interacción dos usuarios coa Internet.
Ata agora, Comet era un produto exclusivo, accesible só para subscritores de plans premium, cun custo que podía chegar aos 200 dólares mensuais, ou para aqueles que superaran unha longa lista de espera. Co lema "Internet é agora mellor en Comet", a empresa abre a porta a unha experiencia de navegación que fusiona o buscador tradicional cun asistente intelixente que acompaña ao usuario en tempo real.
A principal diferenza de Comet reside na súa profunda integración da IA. O navegador non se limita a incorporar un chatbot, senón que actúa como un axente proactivo capaz de realizar tarefas complexas. Pode resumir artigos extensos, extraer datos clave, comparar produtos para realizar compras ou mesmo axudar a planificar viaxes, todo a través de instrucións en linguaxe natural.
Con esta aposta, Perplexity non só compite no mercado dos navegadores, senón que propón un cambio de paradigma na forma en que se busca e procesa a información en liña. O asistente integrado viaxa co usuario de páxina en páxina, ofrecendo contexto e automatizando accións que en navegadores convencionais requirirían múltiples pestanas e buscas manuais.
Aínda que non teñen unha data de lanzamento fixada, as versións para dispositivos móbiles iOS e Android están en desenvolvemento.