O nodo galego de RSG Spain reúnese no CESGA o vindeiro 16 de decembro

mércores, 10 de decembro do 2025 S. P.

O nodo galego de RSG Spain (Grupo Rexional de Estudantes da Sociedade Internacional de Bioloxía Computacional, ISCB) vaise reunir no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) a vindeira semana, o martes 16 de decembro a partir das 18.00 horas.
Contextualizando esta xuntanza, dende o CESGA lembran que hai apenas un ano inaugurábase oficialmente en Compostela o nodo galego de RSG Spain con arredor de 40 asistentes de toda Galicia avaliando os máis recentes avances en bioinformática e bioloxía computacional.
Agora, xa ás portas de que remate este 2025 e en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia, o nodo contará achegará unha xornada gratuíta o vindeiro martes que contará (a xeito de relator) coa presenza de Pedro Ferreiro Rega, técnico de proxecto de espazos de datos no CESGA.
A cita será no devandito centro compostelán (na sala de presentacións), con formato presencial.
O relatorio de Pedro Ferreiro tocará cuestións como o espazo de datos One Health (experiencia dende o CESGA). A cita complementarase cunha presentación dos obxectivos do nodo galego para 2026 e unha visita ao supercomputador Finisterrae III.
Sobre o espazo de datos do CESGA
Os espazos de datos son un novo paradigma no proceso de compartición de datos, baseado nos conceptos de soberanía e interoperabilidade. O espazo de datos impulsado desde o CESGA permite que entidades do ámbito One Health, incluídos grupos de investigación especializados en análise bioinformática, desenvolvan servizos e poñan en valor os seus datos.
RSG-España
RSG-España é o Grupo Rexional de Estudantes da Sociedade Internacional de Bioloxía Computacional (ISCB) en España, recoñecido anualmente polo Consello Estudantil. É unha comunidade voluntaria e sen ánimo de lucro formada principalmente por estudantes (grao, mestrado, doutoramento) e secundariamente por mozos investigadores, técnicos e profesionais en bioinformática e bioloxía computacional en España. Conta co apoio da ISCB (International Society for Computational Biology) e da SEBiBC (Sociedade Española de Bioinformática e Bioloxía Computacional). Desde a súa creación en 2010, a comunidade organiza activamente simposios anuais, seminarios, encontros presenciais e en liña a nivel xeral e desde os diferentes nodos locais, así como a difusión de ofertas de traballo, formación e eventos de ámbito nacional e internacional. Ademais, crea contido divulgativo acceible a todo o público a través das redes sociais e fomenta a creación de redes de contactos e colaboración entre os seus membros.
Unirse a RSG Spain é totalmente de balde, e as actividades —así como a participación voluntaria que as fai posibles— están abertas a todo o mundo a través das súas redes sociais, correo electrónico e a súa canle de Slack.