O noso hipersector TIC fornece de emprego a preto de 22.000 persoas

luns, 21 de maio do 2018 Redacción

O observatorio OSIMGA (axencia AMTEGA) vén de presentar un novo informe no que se inclúen datos de interese sobre o noso sector das novas tecnoloxías dende o punto de vista humano. En última instancia, o estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia guinda un achegamento ao potencial das nosas empresas dixitais (un total de 3.410) para crear emprego e medrar, un potencial que vaia a máis. En termos concretos, o sector dá acubillo hoxe a 21.973 persoas, a maior cifra de traballadores rexistrada nos últimos cinco anos.
Segundo se explica na investigación, a dita cifra sitúa a nosa Comunidade como a quinta en número de empresas, só por detrás de Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana. No último ano rexistráronse 520 novas altas de empresas.
No estudo tamén se di que “o emprendemento foi especialmente significativo no subsector TIC, onde o saldo entre altas e baixas de empresas dá como resultado 140 novas entidades empresariais”. Por certo que o subsector TIC, para quen non o saiba, é a vertente do devandito hipersector máis centrada no deseño e fornecemento de ferramentas e servizos dixitais. Representa o 75,% de firmas do grupo. A porcentaxe restante pertence ao subsector de contidos e servizos audiovisuais.
Volvendo á investigación e o emprego xerado, este experimentou “un crecemento sostido dende o ano 2014”. No informe, nun plano máis detallado, explícase que no ultimo ano medrou un 3,4% e aproxímase como dixemos aos 22.000 traballadores. No subsector TIC rexistrouse un crecemento do 4,8% mentres que no subsector contidos diminúe un 1%.
Crece a porcentaxe de traballadores que cotizan no Réxime Xeral ata o 82,9% e diminúe a porcentaxe no Réxime Especial de Autónomos, que se sitúa no 17,1%.
Na investigación tamén se pon o foco na fenda laboral por sexos e nas desigualdades existentes (tamén) no hipersector. En termos máis concretos, dise que o emprego no hipersector das tecnoloxías da información “ten un alto grao de masculinización, algo superior ao ano 2016: o 65,7% dos traballadores son homes fronte a un 34,3% de mulleres”. No subsector contidos, a fenda é máis reducida, pois as mulleres representan o 41,7% dos traballadores fronte ao 32,1% do subsector TIC.
O hipersector TIC contribúe nun 2,1% ao PIB galego, salientando sobre todo o subsector TIC, que representa o 1,8% do total desta contribución.
As exportacións de bens do hipersector TIC en Galicia achegáronse no ano 2016 ata os 76,8 millóns de euros, case 4 millóns de euros máis que no ano 2015 (5,5% de incremento).
Ademais, durante o ano 2016, 900 empresas galegas de 10 ou máis traballadores realizaron algún tipo de actividade innovadora.
Atendendo ao tipo de innovación realizada polas empresas, o 12,2% do empresariado galego realizou innovacións tecnolóxicas durante o período 2014-2016, situándose en valores similares á media estatal.
O gasto en innovación tecnolóxica en Galicia incrementouse nun 9,3% no último ano e acada os 504 millóns de euros. Ademais, durante o ano 2016 incrementouse nun 19,2% o número de empregados/ as que traballaban en I+D no tecido empresarial galego. Así, en Galicia traballan 9.367 persoas en I+D a xornada completa, o que supón o 4,5% do total de traballadores/as en I+D de España.

PUBLICIDADE