O noso sector do agro xa ten o seu dispor unha nova plataforma de transformación: E-Learning Data
mércores, 25 de xaneiro do 2023
Tras
meses de preparación e traballo, a plataforma E-Learning Data, xa
está ao dispor do sector primario galego e de todos os emprendedores
que en Galicia pretendan apostar polo agro e pola agrodixitalización.
Trátase dunha ferramenta desenvolvida no marco do proxecto Interreg
Poctep Hub Iberia Agrotech (HIBA), do que é socia a iniciativa
galega DATAlife Hub de Innovación Dixital que preside Pablo Álvarez
Freire.
Segundo
explica o Hub, o proxecto é realidade grazas ao traballo cooperativo
de varios centros con ampla traxectoria en materia de
agrodixitalización e socios beneficiarios desta iniciativa europea
como a Escuela Técnica Superior de Ingeniería Agronómica y de
Montes (ETSIAM) da Universidade de Córdoba, a Universidade de Évora
e a Universidade do Algarve, ademais da colaboración das
Cooperativas Agroalimentarias de Andalucía.
A
plataforma E-Learning Data, dispoñíbel na web do proxecto HIBA en
español e en portugués, nace para “axudar a adquirir
competencias en transformación tecnolóxica aplicada á
agricultura”. Aberta, previo rexistro, a todas as persoas
interesadas en formarse e adaptarse ás novas necesidades do sector
agro, a plataforma inclúe cursos online gratis (MOOC) sobre
tecnoloxías habilitadoras dixitais no agro adaptados a distintos
perfís de usuario, así como acceso a ferramentas innovadoras que
favorecen o emprendemento, apoio á capacitación a través de
asistentes virtuais e coñecemento sobre os aspectos máis relevantes
da agricultura de precisión. Un asistente virtual dispoñíbel as 24
horas, HIBABot, encárgase de resolver calquera dúbida.
A
plataforma está destinada a persoas que traballen ou emprendan no
sector agroalimentario, en empresas de servizos do sector primario,
grupos de desenvolvemento local, asociacións agrícolas, formadores
e alumnado tanto universitario como non universitario. Permitirá
probar innovacións e experimentar con tecnoloxías para promover o
espírito emprendedor, mellorar o adestramento en dixitalización e
brindar apoio á hora de tomar decisións.
A
iniciativa E-Learning Data quere tamén poñer ao dispor das empresas
galegas a experimentación e desenvolvemento de aplicacións que,
baseadas en datos procedentes de distintas plataformas de observación
(satélites ou drons), melloren as capacidades de innovación do
sector agro. Un exemplo é o acceso a produtos Copernicus,
especialmente imaxes de Sentinel-2, que, segundo sinalan dende
DATAlife Hub, ten múltiples aplicacións para o agro de Galicia.
Sentinel-2 é unha misión de observación terrestre desenvolvida
pola Axencia Espacial Europea (ESA) dentro do programa Copérnico
para rexistrar observacións do planeta Terra e achegar servizos como
o seguimento da evolución dos bosques, os cambios na cortiza
terrestre e a xestión dos desastres naturais.