O novo Apple Watch terá pantalla Always-On

martes, 10 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Como estaba previsto, hoxe presentouse o Apple Watch Series 5, a nova versión do reloxo conectado de Apple, que como grandes novidades ten unha pantalla Always-On (ou sexa, que amosa a hora a todo momento e non só cando xiramos o pulso), integra compás e o sistema de chamadas a servizos de emerxencia agora funciona en máis de 150 países (incluso sen ter o iPhone preto).
Dende Apple aseguran que as optimizacións realizadas no Apple Watch Series 5 serían as que permitirían mellorar a súa autonomía até 18 horas de uso (o que consideran que é todo o día) coa pantalla acendida. A mencionada integración de compás mellora as súas funcións de navegación e a chamada a servizos de emerxencia (ou a contactos de emerxencia) cando o reloxo detecta unha caída severa (seguida dun período de inactividade) chega a máis países. Nesta liña entrarían tamén os avances no ámbito da saúde, de xeito que watchOS 6 inclúe novas funcionalidades como a posibilidade de rexistrar os ciclos menstruais ou un analizador do nivel de ruído ambiental (para que sexamos conscientes de cando estamos en contornos que poden prexudicar á nosa audición).
Os novos Apple Watch chegan ao mercado o 20 de setembro a prezos que parten dos 449 con correa deportiva e caixa de 40 milímetros (a caixa de 44 milímetros encarece o produto en 30 euros e a conectividade móbil outros 100 euros).

Vídeo de presentación do novo Apple Watch

PUBLICIDADE