O novo Call of Duty ambientarase na Segunda Guerra Mundial

xoves, 27 de abril do 2017 Marcus Fernández

Tras o rotundo fracaso comercial de Call of Duty: Infinite Warfare (que vendeu a metade de copias que a anterior entrega da saga) non sorprende que Activision decidise abandonar a ambientación futurista e retornase aos enfrontamentos bélicos clásicos, para o que conta con Sledgehammer Games para desenvolver Call of Duty: WWII, xogo que estará ambientado na Segunda Guerra Mundial, cunha historia que se estende dende a costa de Normandía até o bosque de Hürtgen, amosando os momentos máis icónicos e dramáticos deste conflito.
O novo xogo apostará polo realismo e a intensidade cinematográfica, combinando unha campaña de corte clásico cun multixogador ateigado de innovacións (como un modo cooperativo de Zombis Nazi). O punto de vista desta nova historia será o da Primeira División de Infantería, un grupo de personaxes globais e diversos que marcharán a través de Francia para liberar París e logo tirarán cara a Alemaña para participar nalgunhas das meirandes batallas de todos os tempos.
Este novo título chegará en edición básica, edición dixital de luxo (co pase de tempada) e edición Pro (con pase de tempada, steelbook e máis extras), premiándose a súa reserva coa posibilidade de participar na beta privada do xogo, que estará dispoñible antes para PlayStation 4 que para Xbox One e PC. O lanzamento oficial do xogo está previsto para o 3 de novembro, buscando así recuperar a coroa da campaña de Nadal.

Tráiler de presentación de Call of Duty: WWII

PUBLICIDADE