O novo Centro Cívico do Birloque (A Coruña) estréase con formación tecnolóxica
venres, 11 de outubro do 2024
Co inicio do novo curso entrou en funcionamento na Coruña un novo punto de actividade social, veciñal, educativa e tecnolóxica: o Centro Cívico do Birloque, que vén de ser obxecto dunha importante reforma integral que contou cun investimento de 929.459,55 euros. Esta semana foi visitado pola alcaldesa Inés Rey, acompañada das concelleiras de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa; e Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas. A rexedora explicou as actuacións realizadas no edificio: "A reforma tivo como obxectivo principal reordenar o espazo para facelo máis funcional e accesíbel, máis cómodo para os usuarios e usuarias, e cun mellor servizo". O centro estrouse cunha actividade de capacitación dixital ao servizo da veciñanza.
De acordo coas actuacións levadas a cabo, en primeiro lugar o Concello demoleu a estrutura interior, retirou tabiques e levantou o acabado do chan. Ademais, actuouse en toda a envolvente para adaptala á nova estrutura en anel. Coa reforma, na zona central sitúanse todos os cuartos e almacéns, e deixouse o anel exterior para albergar as salas e os despachos, incluída a sala informática.
A alcaldesa explicou que no novo centro xa se están a impartir actividades educativas. "Hoxe mesmo comezou un curso de capacitación dixital de trinta horas para 15 persoas”, dixo, engadindo que o curso, que será impartido en horario de mañá, das 9.30 ás 13.30 horas, forma parte da subvención recibida polo Concello da Coruña do Ministerio de Educación e Formación Profesional para a creación dun centro de capacitación dixital municipal no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation.
O Concello da Coruña foi unha das oito entidades galegas á que lle foi concedida esta axuda e a única cidade, xunto con Vigo, en obter os fondos para a creación do centro e pasando a formar parte da rede estatal de Centros de Capacitación Dixital que teñen como meta facilitar o acceso á formación dixital da cidadanía, especialmente dos colectivos con risco de exclusión dixital.