O novo Centro de Datos da Xunta estará na vangarda das administracións estatais en materia de seguridade

venres, 7 de xaneiro do 2022 S. P.

O Goberno galego confirmou esta semana que o Centro de Datos que vai construír no Parque Empresarial de Sionlla será “o único dunha administración pública española en cumprir coas maiores esixencias mundiais de seguridade, que certifica o Uptime Institute coa cualificación Tier-4”. Para quen non o saiba, as certificacións desta entidade están consideradas o estándar recoñecido globalmente para a fiabilidade e o desempeño xeral dos centros de datos. Actualmente hai máis de 2.012 certificacións emitidas en 109 países, que van dende o primeiro nivel (Tier-1) ata o máis esixente (Tier-4).
Respecto dos parámetros que avalían os Tier, estes atenden ao tempo de dispoñibilidade dun Centro de Procesamento de datos (CPD). A avaliación refírese sobre todo aos aspectos relacionados co subministro eléctrico e cos sistemas de refrixeración. “Así, nun Tier 1”, explican fontes da axencia autonómica AMTEGA, “as instalación non dispoñen de compoñentes redundantes na distribución eléctrica e de refrixeración, polo que perderán a súa capacidade de operación ante un fallo de calquera delas. A dispoñibilidade, neste caso, é dun 99,671%, e o tempo en que se mantén inactivo para o mantemento anual é de 28,82 horas”.
No caso da Certificación Tier-4, que é que terá o novo Data Center da Sionlla, a cualificación é de Centro de datos tolerante aos fallos, polo que pode soportar as incidencias de calquera dos seus compoñentes que inhabiliten o subministro eléctrico ou de refrixeración. Respecto á dispoñibilidade, é dun 99,995% e o tempo de indispoñibilidade para o mantemento ao ano é de 52,56 minutos.
Neste senso, o Goberno galego explica que “o nivel de seguridade da nova instalación aportará estabilidade na prestación de servizos públicos críticos, xa que conterá toda a información que se almacena no CPDI do Gaiás; deste xeito evitará que se poidan producir caídas que afecten a servizos como a Sanidade ou a Educación”.
A axencia que dirixe Mar Pereira tamén lembrou que o proceso de licitación do novo Data Center foi aprobado polo Consello de Goberno o pasado 4 de novembro e que esta primeira licitación inclúe a realización do proxecto, a dirección de obra e a realización de probas, implicando un investimento estimado de máis de 1,9 millóns de euros. O orzamento total será de 19,2 millóns de euros, incluíndo a construción e a compra dos terreos, parte deles con cargo aos Fondos Europeos Next Generation.
Esta nova infraestutura “permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais e estará dimensionada para xestionar o incremento de novos servizos dixitais”, engadiu o Executivo autonómico, apuntando que o Data Center “traballará en sincronía co CPD albergado no Gaiás e reforzará os mecanismos de seguridade, dispoñibilidade e custodia dos datos de todo os sector publico autonómico, incluído o SERGAS”. Amais, todos os sistemas críticos estarán deseñados para poder ser illados e mantidos sen perda de servizo e contará con acometidas redundantes de electricidade e comunicacións.
O novo Data Center terá unha superficie de 10.000 metros cadrados e albergará tamén unha plataforma loxística conectada cos centros de provisión para xestionar o equipamento tecnolóxico do sector público autonómico. O novo edifico disporá de salas para persoal técnico de administración dos sistemas e infraestruturas do CPD.
A Xunta dispón actualmente dun Centro de Proceso de Datos Integral no Gaiás cunha superficie de 1.275 metros cadrados, que acubilla 2.500 servidores cunha capacidade de almacenamento de 13 petabytes. A súa posta en marcha en 2012 supuxo un fito tecnolóxico na Comunidade que permitiu modernizar, racionalizar e homoxeneizar a prestación dos distintos servizos dixitais ós cidadáns
O CPDI do Gaiás conta cun CPD de respaldo en San Caetano para permitir o mantemento de servizos críticos en caso de incidencias. Porén, engade a axencia AMTEGA, “este CPD de respaldo está ao límite da súa capacidade para albergar novos sistemas tecnolóxicos, carece de posibilidades de ampliación e a maioría das súas infraestruturas eléctricas e de climatización están próximas ao fin da súa vida útil”.
Está previsto que a entrega do proxecto de obra se faga no segundo trimestre de 2022. O seguinte paso sería licitación da obra prevista para finais do 2022 co obxectivo de que de que se completase a construción do centro entre 2022 e 2024.

PUBLICIDADE