O novo Centro de Formación da Cámara da Coruña estará operativo antes de verán

martes, 22 de abril do 2025 S. P.

A Cámara da Coruña avanza nas obras para o que será o seu novo Centro de Formación, en palabras da entidade cameral “unha infraestrutura clave que busca potenciar o desenvolvemento profesional e empresarial da área” e que vén consolidar á entidade como referente en materia de formación empresarial e para o emprego.
“Este centro nace coa vocación de converterse nun referente para a formación de calidade, aliñada coas demandas do tecido produtivo e os retos da transformación dixital, a sustentabilidade e a internacionalización”, destacou o presidente da Cámara, Antonio Couceiro, engadindo que con esta nova infraestrutura, a Cámara busca reforzar o seu papel como ponte entre o sistema educativo e o mundo empresarial, facilitando programas formativos innovadores en áreas fundamentais e de gran proxección futura como a dixitalización, a Intelixencia Artificial, a sustentabilidade, os idiomas ou as habilidades brandas (soft skills), entre outros eidos de actividade.
O centro tamén acollerá iniciativas vinculadas á Formación Profesional Dual, programas de empregabilidade para colectivos vulnerables e accións de formación para autónomos, pemes e emprendedores.
Desenvolvido e financiado ao 100% pola entidade, contará con 750m² de instalacións, situados no terceiro andar da súa sede central. As súas instalacións contarán con 2 aulas informáticas, unha dedicada a actividades formativas hostaleiras, varias aulas multifuncionais e zona de networking e descanso. A súa finalización está prevista para os próximos meses, co obxectivo de comezar as primeiras actividades formativas no novo espazo antes de verán.