O novo Centro de Formación da Cámara da Coruña inicia actividade co foco posto nas novas ferramentas

venres, 10 de outubro do 2025 S. P.

O novo Centro de Formación da Cámara da Coruña iniciará a súa actividade o vindeiro luns, 13 de outubro. Trátase, en palabras da entidade cameral, “dunha infraestrutura clave que busca potenciar o desenvolvemento profesional e empresarial da área e que vén consolidar á entidade como referente en materia de formación empresarial e para o emprego”.
O centro é un dos piares de crecemento que recolle o Plan Estratéxico da entidade, que se sitúa nas instalacións da Cámara, e está concibido como “un espazo moderno, accesible e adaptado ás necesidades do mercado laboral actual”.
Este centro, sinalou o presidente da Cámara, Antonio Couceiro, “nace coa vocación de converterse nun referente para a formación de calidade, aliñada coas demandas do tecido produtivo e os retos da transformación dixital, a sustentabilidade e a internacionalización”.
Con esta nova infraestrutura, a Cámara busca reforzar o seu papel como ponte entre o sistema educativo e o mundo empresarial, facilitando programas formativos innovadores en áreas de gran relevantcia como a dixitalización, a Intelixencia Artificial, a sustentabilidade, os idiomas ou as habilidades brandas (soft skills), entre outros. O centro tamén acollerá iniciativas vinculadas á Formación Profesional Dual, programas de empregabilidade para colectivos vulnerables e accións de formación para autónomos, pemes e emprendedores.
Desenvolvido e financiado ao 100% pola entidade, ocupa 750 metros cadrados do terceiro andar da súa sede central, e conta con nove aulas (dúas de informática, unha dedicada a actividades formativas hostaleiras, outra dedicada a escaparatismo e varias aulas multifuncionais), zona de networking e descanso e sala de seminarios e aula magna/auditorio con capacidade para 60 persoas. Ata 200 alumnos poden formarse simultaneamente nas novas instalacións.
O luns 13 de outubro arrincarán as primeiras actividades formativas no centro. Así, preto de 60 estudantes participarán nos cursos de Reposición e Venda en Gran Superficie, Deseño e Desenvolvemento de Videoxogos, Persoal de Apoio para Xestoría e Inglés Avanzado. Para a próxima semana, arrincarán tamén os cursos de Persoal Shopper, Barista e Excel.
O novo espazo acollerá, deste xeito, todas as actividades formativas que ofrece a entidade, que ata a data se realizaban nas súas instalacións da rúa Mendaña de Neyra, onde se prevé desenvolver outros proxectos en colaboración.