O novo PlayStation Plus chega a España

xoves, 23 de xuño do 2022 Marcus Fernández

O servizo de subscrición de pagamento de PlayStation reformúlase, fusionando PllayStation Plus con PlayStation Now, dando lugar a un novo PlayStation Plus con 3 plans diferentes, que hoxe chegan a España.
O plan Essential de PlayStation Plus inclúe a posibilidade de xogar en liña e os xogos mensuais que caracterizan ao servizo dende os seus inicios, contando tamén con descontos exclusivos, contido exclusivo, almacenamento na nube, Share Play e, no caso de termos unha PlayStation 5, tamén acceso á Colección de PlayStation Plus e ao sistema de axuda de xogo. O prezo do servizo é de 8,99 euros/mes, 24,99 euros/trimestre ou 59,99 euros/ano.
Para os xogadores que queren máis está dispoñible PlayStation Plus Extra, que inclúe un acceso ao Catálogo de xogos, con até 400 xogos descargables para PlayStation 4 e PlayStation 5, con xogos do máis bariado, como Assassin’s Creed Valhalla, Assetto Corsa Competizione, Bloodborne, Days Gone, Death Stranding, Demon’s Souls, DOOM, Far Cry 4, For Honor, Ghost of Tsushima, God of War, Gravity Rush 2, Injustice 2, Marvel’s Spider-Man, Mortal Kombat 11, NBA 2K22, Red Dead Redemption 2, Tetris Effect: Connected, The Last Guardian, Uncharted 4, XCOM 2 e moitos outros. Este plan ten un prezo de 13,99 euros/mes, 39,99 euros/trimestre ou 99,99 euros/ano.
O plan máis completo sería PlayStation Plus Premium, que incluiría a maiores un Catálogo de clásicos (que non se limita a títulos de PS4 e PS5, senón que tamén inclúe xogos de PS2, PS3 e PSP), acceso a probas de xogos (permite gozar por tempo limitado de xogos como Horizon Forbidden West ou Cyberpunk 2077, para decidir se interesa a súa compra) e o acceso a xogos en streaming. Precisamente o xogo en streaming é o que permite gozar de clásicos de PS3 e PS2 en consolas modernas, aínda que tamén pode aproveitarse para xogar aos títulos de calquera PlayStation dende o PC. Para gozar destas prestacións hai que pagar 16,99 euros/mes, 49,99 euros/trimestre ou 119,99 euros/ano.

Anuncio de lanzamento do novo PlayStation Plus

PUBLICIDADE