O novo canon dixital chega ao BOE

martes, 11 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Tras declararse ilegal o canon dixital en vigor en España, era precisa unha reformulación da compensación por copia privada, polo que en xullo de 2017 retomouse a taxa na compra de dispositivos para pagar dereitos de autor, e agora (con máis de 4 meses de retraso) o Boletín Oficial do Estado recolle o Real Decreto que desenvolve o artigo 25 do texto refundido da Lei de Propiedade Intelectual que regula a materia. A súa entrada en vigor será o 2 de xaneiro.
Este texto procura a transposición da Directiva 2001/29/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, para harmonizar os dereitos de autor e os dereitos afíns aos mesmos na Sociedade da Información, permitindo que os Estados decidan a postura a adoptar conforme á copia privada, que no caso español baséase na compensación equitativa polas copias efectuadas por persoas físicas para uso privado.
Pero, canto temos que pagar agora como compensación pola copia privada? Depende moito do soporte e o dispositivo, e así as impresoras pagan 4,5 ou 5,25 euros en función da súa velocidade; os CD-R pagan 8 céntimos; os CD-RW pagan 10 céntimos; os DVD-R pagan 21 céntimos; os DVD-RW pagan 28 céntimos; as gravadoras pagan entre 33 céntimos e 1,86 euros; os móbiles capaces de reproducir música, vídeo ou texto pagarán 1,10 euros; as tabletas 3,15 euros; as tarxetas de memoria e unidades USB pagarán 24 céntimos de recarga; e os discos non integrados que reproduzan contidos pagarán 6,45 euros (5,45 euros se están integrados) coa excepción dos discos de consolas de videoxogos (empregadas para xogar e non reproducir) e os decodificadores de televisión dixital. Estas cantidades son transitorias, de xeito que poderán mudar no futuro.
A grande novidade son respecto á lexislación declarada ilegal anteriormente é que agora establécense métodos de excepción da compensación por copia privada, de xeito que os sectores profesionais que non vaian a efectuar ningún tipo de copia privada poidan quedar exentas do canon dixital (como as administracións públicas) ou solicitar a súa devolución.

PUBLICIDADE