O novo especial de Proxector recompila unha ducia de vídeos didácticos sobre os arquivos
martes, 4 de xuño do 2024
Arquivos: conservar a memoria para mellor difundila é o título da nova entrega do portal Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os doce recursos audiovisuais que se escolman nesta ocasión buscan dar a coñecer algúns dos arquivos de referencia en Galicia, profundar nas súas funcións e nos servizos que prestan, así como pór en valor os documentos que neles se custodian.
Con este especial o CCG súmase ao Día Internacional dos Arquivos, que se conmemora anualmente o 9 de xuño para promover a importancia deste tipo de institucións.
“Os arquivos son entidades cun importante papel na misión de preservar e facer accesibles os documentos que repercuten na vida diaria da cidadanía”. Así comeza a entrega de Proxector deste mes de xuño, que pon o foco no labor que desenvolven tanto algunhas das institucións arquivísticas máis importantes de Galicia como aqueles centros de ámbito local ou municipal. Sobre estes últimos fala, precisamente, Ángel Arcay, director da Biblioteca e Arquivo Municipal de Betanzos e do Museo das Mariñas, na peza Arquivos e historia local. Nela subliña as funcións deste tipo de institucións e a importante contribución que fan á educación, á cultura e á investigación da historia local.
Xunto cos arquivos municipais, o especial destaca tamén os servizos que prestan á Administración e ao conxunto da cidadanía algúns arquivos de titularidade autonómica, como o Arquivo de Galicia, e estatal, como os arquivos históricos provinciais de Pontevedra e Ourense. Así mesmo, afonda en certos documentos de gran valor que custodian estas entidades.
O proceso de restauración da Carta geométrica de Galicia de Domingo Fontán (1845) que levou a cabo o Arquivo do Reino de Galicia e mais un percorrido pola mostra que organizou esta institución cunha selección de códices e documentos datados entre os séculos X e XVIII forman parte tamén dos contidos escolmados para a nova entrega de Proxector.
Completan o especial un vídeo sobre o interese histórico e cultural do edificio Arquivo, actual Liceo de Betanzos; outro arredor da creación en 1926 dun novo Arquivo gráfico ou Sección de Catalogación Iconográfica no Seminario de Estudos Galegos, no que se explica a importancia que tiñan os elementos gráficos nas súas campañas de investigación, e un recurso divulgativo sobre o arquivo dixital Galiciana e o xeito de procurar información nel.