O novo especial do portal Proxector afonda no poder do deporte nunha ducia de vídeos

martes, 8 de abril do 2025 S. P.

Ao fío do Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz, que a ONU conmemora cada 6 de abril, a nova entrega do portal Proxector (iniciativa de divulgación científica en lingua galega promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega co apoio da Universidade de Santiago), afonda no poder transformador do deporte cun novo especial divulgativo. En palabras do CCG, trátase “dunha ducia de vídeos que nos falan da historia e das principais características dalgunhas prácticas deportivas así como dos beneficios do deporte para o benestar físico e mental”.
O especial deste mes de Proxector xunta doce vídeos para explicar, en boca dos científicos, os beneficios e consellos á hora da práctica deportiva.
Inclúese unha peza da serie Adestra a túa lingua, realizada pola cooperativa Suseia ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022, para ofrecer á mocidade información sobre o deporte, derrubar mitos sexistas e difundir terminoloxía relacionada co ámbito deportivo. Desta mesma serie tamén se escolman máis pezas, unha delas é Os birlos celtas e a esgrima histórica e outra é o vídeo Como competir en remo que nos explica cales son as tres modalidades que teñen máis tradición nas nosas rías, segundo a embarcación empregada para a súa práctica (traiñeira, canoa e piragua ou caiac).
Neste percorrido non podía faltar o fútbol. Nunha peza dirixida por Antón Varela e locutada por Lucía Aldao, achega a historia do fútbol masculino en Galicia nos anos vinte do século pasado. Uns anos destacados nos que se profesionaliza o fútbol masculino galego, se crea a primeira selección galega e xorden equipos coma o Rácing de Ferrol ou o Celta de Vigo. As fases do quecemento deportivo, como lle afectan os estiramentos aos músculos ou como combater as maniotas son outros dos vídeos que se poden ver nesta entrega do Proxector. E tamén se incorpora un vídeo TED (13’’ 02’’’’) no que a neurocientífica Wendy Suzuki explica porqué o exercicio é o máis transformador que se pode facer polo cerebro. A experiencia da deportista Tania Álvarez Yates ou o vídeo divulgativo da Facultade de Ciencias do Deporte da Universidade da Coruña son algúns dos vídeos que se poden ver neste especial.
O proxecto Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario. A idea orixinal foi deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.