O novo foro de Código Cero levounos da man ao intre exacto da nosa estrea na Rede

luns, 12 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Quen quixera saber como, cando e de que maneira comezou a nosa terra a dar pasos en Internet, este 12 de marzo tivo unha oportunidade no Edificio CINC da Cidade da Cultura, nunha nova edición dos Foros Tecnolóxicos de Código Cero. A xornada 25 anos da Rede en Galicia, organizada por este medio de comunicación, contou coa presenza dalgunha das persoas máis directamente implicadas na estrea de Galicia na sociedade dixital, un acontecemento (esta estrea) que pasou coma quen di hai dous días, pero que marcou un antes e un despois de tal magnitude no noso desenvolvemento económico, social, científico e comunicativo, que presenta calquera tentativa de achegarnos a el coma unha aventura apaixonante. Boa parte desta aventura ficou este 12 de marzo ao descuberto na cita organizada por Código Cero, que contou coa presenza duns 40 asistentes e, tralos micrófonos, cos testemuños de quen viu en directo a milagre de enviar o primeiro correo electrónico dende aquí.
Para dar conta deste momento histórico (o intre en que o CESGA se conectou por vez primeira coa Rede, en febreiro de 1993) participaron no acto cinco senlleiros relatores. En primeiro lugar, tralas benvidas e as presentacións a cargo de Xosé María Fernández Pazos, director de Código Cero, foi a quenda do xornalista Henrique Neira, autor de Historia da Informática. Unha cronoloxía, quen oficiou do moderador do foro e abriu o fío da conversa facendo un percorrido por algúns dos principais precedentes galegos da comunicación dixital do noso tempo, como por exemplo as comunicacións da época castrexa, as torres medievais de vixilancia, os faros, o telégrafo, a chegada do tren ou, xa máis próximo no tempo, a devandita conexión efectuada en 1993 dende o CESGA.
Logo de Neira, foi a quenda de Carlos Pajares, ex reitor e profesor emérito de Física Teórica da USC, quen achegou interesantes detalles sobre a primeira comunicación institucional que se tivo na nosa terra vía correo electrónico (dende a USC cara ao CERN), e que, malia a relevancia do acontecemento e trala inclusión da que é a primeira pregunta institucional emitida por e-mail dende terras galegas (“Vai todo ben?”), saldouse cun máis que breve “si”.
Tras Pajares, interveu o ex reitor da USC e ex director do CESGA Juan Casares Long, que fixo un percorrido pola creación do Centro de Supercomputación de Galicia, polas súas orixes, polas forzas que a fixeron posíbel (unha alianza entre as nosas universidades, o Goberno galego e o CSIC) e polos seus primeiros pasos en Internet.
A continuación, foi a quenda do subdirector técnico do CESGA e técnico de RECETGA, José Ignacio López Cabido, que nos levou da man a 1993, intre decisivo no que entramos por dereito propio na sociedade tecnolóxico-dixital, coa entrada en xogo do CESGA, da RedIRIS e, tamén, do equipamento achegado por Fujitsu para o noso centro de supercomputación. Segundo fixo saber, un dos grandes puntos a destacar daqueles días foi sen dúbida o punto de inflexión que significou “pasar de non estar conectados a estar conectados”, aínda que esta conexión fose só a 64 Kb por segundo dende Santiago.
Pechou a xornada o responsábel de Comunicacións do CESGA en 1993, Juan Luis Ruiz Buján, que falou do seu primeiro contacto con Internet (novamente no 1993, mentres traballa como responsábel de Comunicacións do dito centro acabado de inaugurar) e de como tivo o privilexio de colaborar na conexión dos sete campus das tres universidades galegas con Internet a través da RedeIRIS. Segundo fixo saber (ilustrando o pouco que se asemellaban aqueles tempos dos de agora, comunicativamente falando) eran tempos en que Internet non formaba parte da vida cotiá das persoas e, de feito, o acceso á Rede a través da RedIRIS estaba restrinxido ao ámbito das universidades e os centros de investigación. Ademais, lembrou, unha liña punto a punto de 64 Kbps era de todo o que se dispuña para facer a conexión dende Galicia coa rede ARTIX de RedIris, porta de saída ao resto da Internet.

Parte da retransmisión en directo do evento

PUBLICIDADE