O novo iPad Pro podería incorporar Face ID e dicir adeus ao conector de auriculares

martes, 4 de setembro do 2018 Marcus Fernández

A presentación de Apple do vindeiro día 12 parece que non vai librarse das habituais filtracións, e tras divulgarse imaxes promocionais do que serían os dous tamaños do iPhone XS e do novo deseño do Apple Watch, chega agora información sobre o iPad Pro de 12,9 polgadas, acompañada por imaxes non oficiais que procuran reproducir o que se coñece das futuras tabletas de Apple.
Lembremos que o iPad Pro comercialízase actualmente con pantallas de tamaños de 10,5 e 12,9 polgadas, e sería a versión máis grande da que estarían a adiantar detalles como que contaría con marcos reducidos que suporían a eliminación do botón de inicio, pero que serían dabondo para albergar os sensores de identificación facial para non ter que incluír unha pestana superior como aconteceu co iPhone X. Outro detalle que pode percibirse nas imaxes e a ausencia dun conector para auriculares e a presenza de 4 altofalantes (un en cada esquina da tableta), cun botón de acendido na esquina superior dereita.
Teriamos un dispositivo de 280,6 x 215 x 5,85 milímetros, ou sexa, que mantendo o mesmo tamaño de pantalla que o modelo anterior, reduciría a súa altura 2,51 centímetros e a súa anchura 0,51 centímetros, o que supón unha significativa redución de marcos.
Comentan que a pantalla do iPad Pro non daría o salto á tecnoloxía OLED, senón que conformaríase cun panel IPS True Tone con velocidade de refresco variable. Tamén esperan que funcione cun procesador A12X, 4 GB de RAM e até 512 GB de almacenamento interno.
En definitiva, que é moi probable que teñamos unha evolución do iPad Pro na que basicamente reducen os marcos e incorporan Face ID, xunto coas habituais actualizacións de hardware de cada nova iteración.

PUBLICIDADE