O novo laboratorio CESGA-AtlanTTiC promoverá unha plataforma experimental de computación cuántica óptica
xoves, 15 de xaneiro do 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron hoxe un acordo entre o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e o AtlanTTic (Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) para a creación dun laboratorio compartido especializado en computación cuántica óptica, cun investimento de 2,4 millóns de euros. Román Rodríguez cualificou esta colaboración como “un feito relevante que permite dotar a nosa I+G+i dunha infraestrutura deste nivel grazas ao traballo conxunto de dous centros de referencia nos seus ámbitos”.
O novo laboratorio, que se ubicará no VQCC (Vigo Quantum Communication Center), dependente do AtlanTTic e que levará o nome de Quantum Optical Computing Lab, centrarase no desenvolvemento dun procesador cuántico. Isto permitirá que Galicia se incorpore plenamente á carreira polo deseño deste tipo de tecnoloxías. O convenio contempla a dotación de persoal investigador, equipamento e infraestruturas técnicas, cun modelo de gobernanza compartido entre as institucións tanto no plano operativo como no científico.
O AtlanTTic achegará a súa experiencia en distintos eidos, mentres que o CESGA contribuirá coas súas capacidades en infraestruturas computacionais avanzadas e soporte tecnolóxico especializado. En concreto, os recursos do CESGA estarán cofinanciados a través do PERTE Chip e de fondos propios da Consellería de Ciencia, mentres que a Universidade de Vigo aportará recursos propios e asumirá a consolidación e a sustentabilidade operativa do laboratorio, concibido cunha duración inicial de catro anos prorrogable.
Durante o acto, no que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o conselleiro salientou que esta colaboración supón unha “aposta decidida pola investigación de fronteira, a que explora os límites do coñecemento, e polas tecnoloxías cuánticas como motor de desenvolvemento económico”. Tamén participaron o director científico do CESGA, Lois Orosa, e o director do AtlanTTic, Martín Llamas.
Román Rodríguez subliñou que se trata de “liñas punteiras de investigación que serán clave nos próximos anos para dar respostas innovadoras aos retos actuais”, ao tempo que contribúen a consolidar o CESGA como infraestrutura científica de referencia e a reforzar a proxección internacional da I+G+i e de Galicia como polo de tecnoloxías cuánticas e territorio de ciencia e innovación. Este ámbito figura, ademais, entre as prioridades do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Liñas de investigación e aplicacións
O Quantum Optical Computing Lab non supón a primeira colaboración entre o CESGA e o VQCC. A finais de 2025 xa se acadara un fito destacado en ciberseguridade coa posta en marcha da liña de comunicación cuántica máis longa de España, con 120 quilómetros de lonxitude, entre Santiago e Vigo.
A nova iniciativa nace co obxectivo de cubrir unha liña específica de investigación en computación cuántica óptica como plataforma experimental, consolidándose como infraestrutura singular da I+G+i galega. O laboratorio concíbese como un espazo aberto á colaboración con investigadores externos mediante protocolos comúns, integrado academicamente na Universidade de Vigo e formando parte, ao mesmo tempo, da infraestrutura científica do CESGA.
O desenvolvemento deste sistema de computación cuántica óptica permitiría resolver problemas complexos de optimización con maior rapidez e cun menor consumo enerxético ca os procesadores clásicos. O procesador poderá acelerar diversos algoritmos de intelixencia artificial e terá aplicacións en ámbitos como o deseño de materiais, a loxística, a planificación sanitaria ou a bioinformática, facilitando solucións a retos como a optimización de rutas, a creación de calendarios eficientes, o deseño de novos materiais ou a xestión de carteiras de investimento.
Así mesmo, o Quantum Optical Computing Lab contribuirá a situar Galicia dentro da plataforma experimental da futura Fábrica europea de intelixencia artificial, polas súas sinerxías e pola capacidade para executar algoritmos de IA de forma máis eficiente, reforzando a investigación en infraestruturas de computación de vangarda e a soberanía tecnolóxica.
Convenio coa USC
No marco desta mesma liña de traballo, o CESGA asinou tamén este mércores un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para crear un laboratorio mixto no IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías). Este espazo, denominado IGFAE-CESGA Quantum Computing Lab, estará especializado en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear e contará cun investimento de 2,2 millóns de euros.
