O novo móbil insignia de Xiaomi aposta por dobre cámara e un tamaño compacto

mércores, 19 de abril do 2017 Marcus Fernández

Xiaomi presentou o seu novo móbil insignia, o Mi 6, un terminal de grandes prestacións e coidado deseño que grazas ao seu prezo axustado pode converterse en todo un éxito de vendas en Asia, aínda que desta volta o fabricante chinés non parece querer arriscar, e opta por un teléfono moi semellante a un Samsung Galaxy S7, do que diferénciase principalmente pola súa dobre cámara traseira (ambas de 12 Mpíxeles, pero con dous angulares distintos, na liña do que fai Apple co iPhone 7 Plus, compañía á que tamén imitan eliminando a toma de auriculares).
O Mi 6 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 835 (considerado do tope de gama actual), 6 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno, pantalla Full HD de 5,15 polgadas,cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, lector frontal de pegadas dixitais, dobre Nano-SIM, batería de 3.350 mAh (recargable mediante USB-C), un grosor de 7,45 milímetros e un peso de 168 gramos no seu modelo ordinario (tamén hai unha versión cerámica que pesa 14 gramos máis).
Pero o importante deste teléfono, como vén a ser habitual en Xiaomi, é o seu prezo de venda, que na versión con 64 GB de almacenamento será de só 2.499 iuans (338,60 euros) e 2.899 iuans (392,80 euros) para a versión con 128 GB de almacenamento, estando dispoñible este último tamén nunha versión con carcasa cerámica branca por 2.999 iuans (406,35 euros).

JPEG - 62 KB
O Mi 6 ten dobre cámara traseira e lector de pegadas frontal na liña do iPhone 7 Plus mentres adopta un deseño e un tamaño máis próximo ao do Samsung Galaxy S7

PUBLICIDADE