O novo móbil para gamers de Asus ten até 18 GB de RAM

venres, 5 de novembro do 2021 Marcus Fernández

As capacidades de memoria dos smartphones están a chegar a niveis que poucos podían imaxinar, chegando a superar á meirande parte dos ordenadores portátiles do mercado, e como mostra diso temos os novos Asus ROG Phone 5s, con configuracións de entre 12 e 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento.
O ROG Phone 5s chega ao mercado cun procesador Qualcomm Snapdragon 888+ 5G e pantalla AMOLED de 6,78 polgadas e unha velocidade de refresco de 144 Hz e resposta táctil a 360 Hz de 1 milisegundo, deixando claro que estamos ante un móbil potente que busca a maior velocidade para experiencias de xogo. Esta orientación aos xogos tamén nótase nos AirTriggers que facilitan múltiples entradas para un control total, altofalantes frontais estéreo de calidade audiófila e unha estrutura térmica optimizada con AeroActive Cooler 5. Os xogadores tamén agradecerán unha impresionante batería de 6.000 mAh con carga rápida de 65 watts capaz de completar o 60% da carga en 18 minutos.
Aínda que non esteamos ante un móbil orientado á fotografía iso non lle impide estar equipado cun sensor principal Sony IMX686 de 64 Mpíxeles acompañados por cámaras grande angular e macro de 13 Mpíxeles e por unha cámara frontal de 24 Mpíxeles.
Este impresionante móbil para xogadores chega ao mercado a un prezo de 999 euros con 12 GB de RAM, mentres que o modelo con 16 GB de RAM incrementa o seu prezo até os 1.099 euros e o modelo mellor equipado tería 18 GB de RAM e un prezo de 1.299 euros.

PUBLICIDADE