O novo plan de formación do profesorado reforza en áreas como a IA

xoves, 28 de agosto do 2025 Redacción

O Plan anual de formación do profesorado da Xunta experimenta este curso un incremento próximo ao 10 %, con especial atención ao reforzo das matemáticas, a lectura, a inclusión e a intelixencia artificial. A programación inclúe 6.381 actividades, 135.299 horas de formación e un total de 133.699 prazas. “O que supón que cada docente dispón dunha media de catro prazas para mellorar a súa cualificación profesional e seguir dando a mellor formación ao alumnado”, destacou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a presentación.
O responsable educativo explicou que, en coherencia co novo decreto de formación permanente que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, “a planificación deste curso aposta por avanzar nunha formación personalizada, a medida do que os docentes precisan para dar resposta aos novos retos do ensino do século XXI”. Engadiu que se prioriza o desenvolvemento das competencias matemática, lectora e dixital, “en liña co Plan MEGA de mellora educativa de Galicia”. Tamén se renovan os itinerarios do programa E-Dixgal “co obxectivo de reforzar o modelo híbrido de aprendizaxe”, así como as accións ligadas á intelixencia artificial.
“No que atinxe á FP –afirmou o conselleiro– seguimos apostando por accións que favorezan o contacto do seu profesorado coa realidade do tecido produtivo, a intelixencia artificial e as tecnoloxías emerxentes, sen esquecer o papel fundamental destas ensinanzas na redución do abandono escolar e a importancia das linguas estranxeiras”.
O plan estrutúrase en dúas grandes áreas: a formación xeral e a específica para o profesorado de FP e ensinanzas de réxime especial. No primeiro caso, recóllense seis liñas prioritarias e 25 itinerarios que abranguen desde didáctica, innovación ou convivencia ata comunicación e plurilingüismo. Como novidades, destacan os itinerarios centrados nas competencias matemática e lectora, o novo deseño da formación dixital con uso da intelixencia artificial, a actualización do programa E-Dixgal e o reforzo dos Polos Creativos.
Tamén se renova a formación destinada a novos docentes e equipos directivos, con énfase na mentorización e no uso da intelixencia artificial. No ámbito da inclusión, programaranse actividades sobre accesibilidade, apoio condutual positivo e atención ao alumnado con necesidades específicas como TEA, TDAH ou altas capacidades.
No que respecta á FP, ofértanse 991 actividades repartidas en seis áreas de actuación, con especial atención aos novos módulos derivados da Lei 3/2022, ás competencias lingüísticas profesionais (a través do proxecto VETINEN con aprendizaxe de inglés mediante IA) e ás tecnoloxías emerxentes, incluíndo internet das cousas, realidade virtual e aumentada. Prevese ademais a realización de 185 estadías en empresas e un paquete de accións de orientación vinculadas ao Plan FPGal360.
O conselleiro fixo balance do curso pasado: “no que se formou o 87 % do profesorado de Galicia, un total de 33.211 docentes”. Cada un deles realizou arredor de tres actividades, con 60 horas de formación de media. En total foron 5.876 accións, 124.751 horas e 82.432 certificacións emitidas. Tamén lembrou que xa son 34.202 os docentes que acreditaron a súa competencia dixital, “o 79 % deles nos niveis intermedios e altos (de B1 a C2)”.