O novo plan director do sector TIC vai camiño da súa aprobación

venres, 23 de xaneiro do 2026 Redacción

A conselleira de Economía e Industria visitando as oficinas de Sixtema

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que o vindeiro Consello da Xunta aprobará o borrador do plan director do sector TIC, que contará cun orzamento estimado de 60 millóns de euros para os próximos dous anos.
Lorenzana fixo estas declaracións durante unha visita ás instalacións da empresa Sixtema, en Santiago de Compostela, acompañada pola directora do IGAPE, Covadonga Toca. Alí destacou a compañía como exemplo do papel que está a desempeñar o sector TIC na economía galega, un ámbito que, segundo indicou, “leva aumentando moitísimo o seu peso” e que xa pode considerarse un sector industrial propiamente dito.
Segundo lembrou, desde o ano 2020 o sector TIC rexistrou en Galicia un crecemento do 21 por cento, o que se traduciu na incorporación de arredor de 4.000 novos profesionais. Trátase de especialistas en tecnoloxía que están a favorecer unha maior implantación da innovación nas empresas galegas.
A conselleira subliñou a Estratexia de Innovación que está a preparar a Xunta de Galicia, co obxectivo de que, especialmente, as pemes vaian incorporando a tecnoloxía aos seus procesos produtivos, á súa organización interna e ás canles de comercialización. Para avanzar nesa liña, sinalou, resulta fundamental o labor de empresas como Sixtema.
Lorenzana referiuse tamén ao paquete de axudas do Igape publicado no Diario Oficial de Galicia a comezos de ano, cun volume total de 181 millóns de euros. As primeiras liñas que xa teñen aberto o prazo de solicitude son as orientadas á innovación: IGAPE Innova, dotada con 4 millóns de euros; Industria Innova, con 30 millóns de euros; e IA 360, destinada a proxectos de intelixencia artificial, cun orzamento de 10 millóns de euros, unha convocatoria que contou cunha notable acollida o pasado ano.