O novo programa Xornalismo na Escola alentará o espírito crítico perante as falsas novas nas redes

mércores, 14 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

O Colexio de Xornalistas de Galicia informou hoxe da posta en marcha da terceira edición do seu programa de obradoiros Xornalismo na Escola, destinado a divulgar nos nosos centros educativos en que consiste a profesión comunicadora, que vantaxes profesionais achega, como se distingue o xornalismo do que non o é, e que potencialidades atesoura para contribuír a un mundo máis igualitario, xusto e libre. A nova edición do programa, que ten novamente o apoio de La Caixa, estréase este 15 de febreiro no IES de Bembibre, no Val do Dubra. Coma en anteriores entregas, nos obradoiros (destinados ao alumnado de terceiro e cuarto da ESO) haberá un importante compoñente de divulgación TIC.
O primeiro taller (primeiro de case un centenar) virá da man de Rosa María Bueno Crego. Ademais dela, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez, Mónica González Alonso, Sara Martínez, Paula Méndez e Manuel Vilas López son os e as xornalistas (todos eles con ampla traxectoria profesional) que impartirán as actividades en centros de todos os recantos da nosa xeografía.
Segundo informa o Colexio, durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, “os nove xornalistas tratarán de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online”. Deste xeito, engade a entidade profesional, “os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas Tecnoloxías de Información e a Comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supor para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico”.
A semana que vén, Xornalismo na Escola “La Caixa” vai chegar ao alumnado do IES San Rosendo de Mondoñedo (o luns 19), o IES Monelos da Coruña (martes 20), o IES Sanxillao de Lugo (martes 20 e xoves 22), o IES Fernando Esquío de Neda (xoves 22) e o IES de Quiroga (venres 23). Ribeira, Curtis, Monforte ou Maceda son outras das localidades nas que se impartirán os obradoiros nos vindeiros días.
O programa pódese seguir en Twitter baixo o cancelo #XornalismoNaEscola. Naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 obradoiros de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estas actividades a milleiros de alumnos e alumnas da comunidade galega.

PUBLICIDADE