O novo programa galego Nexos vén con máis de 20 millóns
martes, 5 de novembro do 2024
O conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, clausurou este 5 de novembro a xornada participativa co ecosistema galego de I+D+i no que se definiron os ámbitos temáticos que priorizará o novo programa Nexos. Trátase dunha liña de axudas, que se publicará en 2025 e estará dotada con máis de 20 millóns de euros, que o conselleiro anunciou para apoiar proxectos de I+D+i entre empresas en colaboración con centros de coñecemento. Salientou, no capítulo de novidades da, que se lle dará prioridade a un número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas, evolucionando así o programa ConectaPeme que funcionaba anteriormente.
Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, salientou algúns resultados do balance da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020, que foron presentados e validados cos axentes galegos da I+D+i ao longo da xornada. Entre eles, apuntou que 2os axentes galegos obtiveron financiamento público por importe superior a 1.600 millóns de euros para a súa I+D+i, que permitiu mobilizar máis de 2.400 millóns de euros”. Así mesmo, subliñou “os avances en todas as metas da estratexia, especialmente no tocante ás oportunidades para o talento investigador e emprendedor”.
600 contribucións
A través dun proceso participativo que recibiu máis de 600 achegas, os participantes apuntaron entre os resultados máis relevantes “o aumento das empresas innovadoras, a transformación do tecido empresarial, o incremento dos niveis de colaboración público-privada, o número de profesionais dedicados á investigación e a modernización de infraestruturas e equipamentos de I+D+i”.
No que respecta aos impactos derivados destes apoios, Rodríguez e Cotelo lembraron que o gasto en I+D+i incrementouse nun 57% no período de vixencia da Estratexia, a produción científica nun 62% e os establecementos de alta e media alta tecnoloxía nun 61%. Por último, en canto á adecuación das axudas ás necesidades existentes, case un 90% dos participantes amosáronse satisfeitos.
O conselleiro sinalou que estas conclusións da Estratexia de Especialización Intelixente 2014-2020 permitirán orientar os seguintes pasos na consolidación de Galicia como territorio referente en innovación, en concreto o novo Plan galego de investigación e innovación 2025-27. De feito, esta xornada serviu para seguir avanzando na elaboración deste, da man dos integrantes do ecosistema galego de I+D+i, que tiveron oportunidade de participar activamente na definición dos instrumentos concretos que incluirá.
Posteriormente, o Plan pasará por unha serie de pasos: contrastarase cun grupo de expertos e será sometido á Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta e ao Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación, antes da súa aprobación por parte do Consello da Xunta.