O novo reloxo de Nothing permite falar directamente con ChatGPT

martes, 22 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Hai un ano Nothing puxo á venda o CMF Watch Pro 2, un reloxo conectado con monitorización de actividade e función de chamada a un prezo de 69 euros, converténdose nunha magnífica opción para os que buscan un dispositivo deste tipo a un prezo axustado, e agora renovan o produto cunha versión que mellora en prestacións pero, por desgraza, incrementa o prezo ata os 99 euros. Falamos do CMF Watch Pro 3.
O novo reloxo presenta unha pantalla AMOLED de 1,43 polgadas cun brillo de ata 670 nits, medición da frecuencia cardíaca, 131 modos deportivos e numerosas funcións de saúde (como detección de sono, medida de osíxeno en sangue ou diferentes recordatorios), batería de 350 mAh cunha autonomía de ata 13 días de uso normal, GPS, conectividade Bluetooth 5.3 (que incluso permite realizar chamadas dende o pulso), resistencia IP68 e funcións pouco frecuentes en dispositivos económicos como función de gravadora con transcrición e a posibilidade de falar directamente con ChatGPT para poder resolver dúbidas sen ter que tocar o teléfono.
Este reloxo está dispoñible en distintas cores de caixa e correa, adaptándose a moitos estilos, e para que supoña un problema o seu incremento de prezo, o modelo anterior segue á venda por 69 euros, polo que mantén a súa posición como un dos smartwatches económicos máis recomendables do mercado.

O CMF Watch Pro 3 permite conversar con ChatGPT para resolver dúbidas sen ter que sacar o teléfono do peto