O novo smartwatch de Realme inclúe monitorización de osíxeno en sangue

martes, 3 de novembro do 2020 Marcus Fernández

A marca Realme continúa a lanzar accesorios para completar o seu catálogo, ofrecendo produtos con prezos moi axustados chamados a ter compras masivas, e aínda que en España o seu reloxo conectado básico, á venda por 34,99 euros, aínda ten pouca presenza comercial, a súa versión avanzada poderían trunfar, xa que o Realme Watch S, que vén de lanzarse en Paquistán a un prezo de 14.999 rupias paquistanís (uns 80 euros) pode converterse en todo un éxito grazas ás súas prestacións.
Aínda que o Realme Watch S teña un prezo bastante superior ao seu irmán pequeno, estamos ante un prezo de saída (que probablemente baixe considerablemente nun par de meses) e con grandes atractivos adicionais, como é o feito de que o novo reloxo opta por unha pantalla circular táctil de 1,3 polgadas (de xeito que o seu deseño é máis discreto, por parecer un reloxo de pulso tradicional) e complementa a monitorización de ritmo cardíaco coa monitorización do nivel de osíxeno en sangue, que é unha funcionalidade de moda que pode axudar a coñecer mellor o noso estado de saúde (tanto pode axudar a diagnosticar a apnea do sono como a COVID-19).
O novo reloxo conta con 16 modos deportivos, conta cunha aplicación móbil dende a que consultar a información de saúde e actividade deportiva que rexistra, serve para recibir notificacións do móbil, pode aproveitarse para controlar a reprodución multimedia do móbil sen ter que sacalo do peto, monitoriza o sono, ten resistencia á auga (IP68), conta con máis dun cento de esferas a elixir, a súa pantalla ten protección Corning Gorilla Glass e a súa batería de 390 mAh achega unha autonomía de até 15 días cun uso normal, de aí que poida converterse nun smartwatch moi convinte para moitos perfís de usuario.

O reloxo de Realme inclúe moitas funcións prácticas para o día a día

PUBLICIDADE