O novo televisor de Xiaomi terá un panel QLED de 75 polgadas

martes, 9 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

O mes que vén Xiaomi vai pór á venda o seu novo Mi TV Q1 75”, un televisor cun enorme panel de 75 polgadas con resolución 4K e tecnoloxía QLED que funciona con Android TV e que terá un prezo oficial de 1.299 euros, aínda que no día do seu lanzamento ofertará un número limitado de unidades a 999 euros.
Este televisor con acabados de metal e un ángulo de visión de 178 graos presenta unha aparencia case sen marcos, presume dunha relación de contraste 10.000:1 e soporta Dolby Vision e HDR10+. Tamén destaca por unha velocidade de refresco de 120 Hz e portos HDMI 2.1 cun modo de baixa latencia que busca satisfacer aos usuarios das consolas de videoxogos de nova xeración.
A nivel sonoro tamén achega unha experiencia notable, cun sistema estéreo de 30 watts para o que emprega 6 altofalantes (2 tweeters e 4 woofers) e soporta tanto Dolby Audio como DTS-HD.
Ao integrar Android TV 10 permite o acceso a milleiros de aplicacións entre as que figuran servizos como Netflix ou Amazon Prime Video (que incluso teñen botóns específicos no mando a distancia), e tamén pode recibir ordes faladas até a 3 metros de distancia, o que interpreta o asistente de Google, de xeito que tanto pode manexarse o televisor coa voz como o resto da nosa electrónica doméstica conectada.

O novo televisor de Xiaomi funciona con Android TV 10

Vídeo promocional do televisor Mi TV Q1 75"!

ACTUALIZACIÓN (24-3-2021): O televisor chega a España o 25 de marzo a un prezo de lanzamento de 999 euros durante 24 horas. Aparte de na súa páxina web oficial tamén poderá adquirirse en MediaMarkt.

PUBLICIDADE