O novo xogo de Zelda confirma título e data de lanzamento

mércores, 14 de setembro do 2022 Marcus Fernández

O último Nintendo Direct deu conta dos vindeiros xogos para Nintendo Switch que chegarán ao mercado, destacando especialmente o que probablemente sexa o xogo máis agardado para esta consola, que por fin ten título definitivo, The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom, e data de lanzamento (o 12 de maio de 2023). Estamos ante a secuela o impresionante The Legend of Zelda: Breath of the Wild, que pese ás limitacións técnicas da Switch consegue ofrecer un amplo mundo que agora conta tamén cos vastos ceos de Hyrule.
Poder ver un novo tráiler do xogo axuda a manter a expectación polo que podería rematar sendo o mellor xogo na historia da Nintendo Switch; pero non é o único título destacado no Nintendo Direct, no que tamén anunciaron que en 2023 teremos Pikmin 4, o 20 de xaneiro lanzarase Fire Emblem Engage e o 24 de febreiro gozaremos de Octopath Traveler II e de Kirby’s Return to Dream Land Deluxe.
Tamén deixaron caer que xogos para outras plataformas, como Sifu, Resident Evil Village, Tunic ou o galardoado It Takes Two terán nos vindeiros meses versión para Switch, deixando claro que a consola de Nintendo vai dar aínda moito xogo.
Para os subscritores de Nintendo Switch Online chegarán novos xogos clásicos de Nintendo 64 que entusiasmarán a moitos nostálxicos: 1080⁰ Snowboarding, Excitebike 64, Goldeneye 007, Mario Party, Mario Party 2, Mario Party 3, Pilotwings 64, Pokémon Stadium e Pokémon Stadium 2.

Tráiler de The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom

PUBLICIDADE