O obradoiro Emprégate 2.0 expón os perigos e vantaxes das redes sociais á hora de procurar emprego

xoves, 31 de outubro do 2013 Redacción

Remexer na Rede pode ser unha arma de dous fíos, pois arestora todo o mundo (ou case) posúe unha xanela na que amosarse, falamos de Facebook, Twitter... en definitiva: as redes sociais. Pois ben, se es dos que contas todo o habido e por haber nestes espazos tamén terás que aceptar que non só os teus achegados poidan velo. Arredor disto xirou o obradoiro Emprégate 2.0 impartido esta semana pola experta en redes sociais, Guadalupe Reboredo, quen achegou unha análise polo miúdo sobre que implica posuír perfís de Facebook ou Twitter de cara a atopar un emprego.
O destinatario deste obradoiro foi o alumnado do último curso do Grao en Xestión e Dirección Pública do campus de Pontevedra, ao cal se tentou concienciar da necesidade de ter un currículo en liña “debidamente xestionado” e de revisar “con tino todo o que día a día publicades en Facebook e Twitter, uns contidos que, na maioría dos casos, non só poden ver os vosos amigos e familiares senón tamén aquelas empresas que poderían estar interesadas en contratarvos”. Deste xeito dábanse a coñecer as principais ferramentas e estratexias da web 2.0, un valor engadido para aquelas persoas que estean a buscar emprego e opten por compartir na Internet o seu currículo a través de redes profesionais ou blogs especializados.
Segundo un informe elaborado no ano 2012 por Infoempleo, o 49% das empresas en España empregaron as redes sociais para recrutar persoal e o 80% delas recoñeceu ter analizado a reputación en liña do candidato ou candidata durante o proceso de selección, subliñaba Guadalupe Reboredo. Asemade, no mesmo estudo recollíanse outros datos significativos como o feito de que “as persoas activas en redes sociais” teñan máis oportunidades á hora de seren contratadas e de que o 55% dos responsables de Recursos Humanos recoñecen ter tomado a decisión final segundo o perfil do candidato nunha determinada rede social.

PUBLICIDADE