O obradoiro compostelán Innobosque achegará empregabilidade en natureza e TIC

luns, 8 de agosto do 2022 S. P.

O próximo 19 de setembro comezará a desenvolverse o proxecto Obradoiro de Emprego Innobosque, que achegará un posto de traballo durante 12 meses a 20 persoas desempregadas da cidade maiores de 18 anos. Dez delas formaranse na especialidade de Repoboación forestal e tratamentos silvícolas e as outras dez en Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e en Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web. Porase o foco nas posibilidades que abre a confluencia entre TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e medio natural urbano.
Este obradoiro, subvencionado pola Xunta de Galicia con 500.000 euros, ten como obxectivo “mellorar a empregabilidade de persoas sen traballo a través da súa cualificación profesional combinada coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social”.
Búscase, máis polo miúdo, “incidir na identificación e avaliación dos desafíos e impactos dos bosques urbanos como solucións baseadas na natureza ao redor de catro temas relevantes a nivel local”. Temas como o cambio climático (a mortandade das árbores na cidade inducida pola calor), a recreación (a importancia dos bosques urbanos como lugares de encontro), a saúde pública (a desconexión da cidadanía co espazo verde), a educación ambiental (o descoñecemento dos múltiples beneficios dos bosques urbanos, especialmente para o desenvolvemento e educación dos nenos e nenas).
Programáronse unha serie de servizos a realizar na etapa de formación e alternancia:
-Repoboación forestal e tratamentos silvícolas
O obxectivo final será a recuperación da cuberta arbórea dos bosques urbanos, o “que repercutirá nunha mellora en varios aspectos como son a calidade paisaxística dos bosques urbanos, a diminución dos procesos erosivos, a creación dunha diversidade ecolóxica, e aumento da diversidade de hábitats para a fauna e a mellora do ciclo hidrolóxico”, sinalou o Concello.
-Desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas e productos audiovisuais
Deseño e creación dunha aplicación móbil para a execución dun Servizo tecnolóxico de valorización do Bosque Urbano de Santiago, coa finalidade de transmitir á cidadanía de Santiago, a través dun espazo web e de redes sociais, a importancia das zonas verdes en xeral e das súas superficies arborizadas en particular, de xeito que coñezan o efecto beneficioso sobre a súa saúde e sobre a habitabilidade dos espazos. O Concello explicou que a ferramenta ealizarase contando coa dispoñibilidade de elementos de xestión da pegada de carbono da cidade, estudando a súa captación e almacenamento por parte da actual composición árborea dos nosos parques, viario e zonas verdes en xeral; avaliando o potencial que posúe o bosque urbano local na contribución ao cumprimento dos estándares de calidade do aire e o seu efecto sobre o cambio climático; e analizando a estrutura do seu arboledo e o seu papel na redución da contaminación atmosférica e captación de CO2, valorando tanto cuantitativa como economicamente os beneficios ou servizos ecosistémicos que ofrecen á cidade.

PUBLICIDADE