O obradoiro de HTML5 organizado polo CiTIUS bate records na inscrición

luns, 11 de marzo do 2013 Redacción

A versión 5 da linguaxe HTML, empregada para a creación de páxinas web, centra a máis recente actividade formativa do centro CiTIUS da Universidade de Santiago, cuxa segunda sesión celebrouse o pasado venres 8 de marzo. Segundo informan os responsábeis deste espazo de investigación, a repercusión e o alcance deste curso-obradoiro foi inmellorábel. De feito, batéronse records no proceso de inscrición. Esta segunda sesión da actividade desenvolveuse nas aulas de informática da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago) e veu da man dos investigadores do CiTIUS Eduardo Sánchez Vila e Alberto Bugarín Diz. Tamén se contou, en labores de achega de contidos, coa empresa tecnolóxica TeslaTechnologies, fundada por titulados en Enxeñaría Informática da Universidade de Santiago.
O curso, dividido en cinco sesións intensivas en quenda de tarde, diríxese a estudantes dos distintos másters ou graos da área TIC. Asemade, superou como dixemos tódalas previsións dos seus organizadores ao exceder o número de solicitudes de inscrición a cota das 40 prazas ofertadas.
O obxectivo do obradoiro foi, informa o CiTIUS “fixar unha serie de conceptos esenciais, para que os alumnos poidan ter unha base axeitada sobre a que construír proxectos de maior complexidade”. Algúns destes conceptos xiran en torno ao acceso e mantemento de datos off-line, a xestión de información de xeolocalización utilizando o dispositivo GPS do móbil, a integración de audio e vídeo, a creación de animacións básicas 2D, ou o desenvolvemento de elementos HTML5 con JavaScript e CSS3.

PUBLICIDADE